29.10.04

enchedoiro

Onte, cea con Ester, Wolfgang e Eva na de Natascha, unha rapaza de nai castelá, pai italiano, criada na verdadeira Suevia, am Bodensee, nun sistema educativo que a capacitou para falar un inglés excelente e dedicarse profesionalmente ao ensino do francés a nivel universitario. Existe algún nome para este grao concreto de poliglotismo?
Anda toda preocupada porque na ponte de decembro véñenlle 13 amigos da aldea de súa nai, aos que coñece desque naceron polas sucesivas visitas estivais á estepa de Guadalajara. Disque un deles vén co mozo e quere que ela lle mostre a vida gai de Berlín, pero non sabe como vai compaxinar iso coas repunantadas dun grupo tan grande de xente que se lle vai queixar por calquera cousa, segundo prevé. Y es que la confianza da asco di ela ríndose, demostrando un dominio total das particularidades paremiolóxicas do castelán.

A cea é deliciosa, baseada nuns mexillóns ao xeito belga que me lembran a manifestación de Nunca Máis en Bruxelas. Levo un albariño mercado nunha tenda moi nova e moi próxima á miña casa, especializada en produtos do Mediterráneo(?). Tamén hai algo de Ribeiro branco, augardente de herbas e polbo ou parrochas conxeladas, pero nin rastro da Estrella Galicia a carón da San Miguel e da Sagres. Emocióname (contidamente) comprobar que tamén hai Sugus.
E, recoñezámolo, tamén hai xardas, pero tiñan o ollo encarnado.

Sem comentários: