25.10.04

nu ma, nu ma iei

Aínda que o pareza, este non é un post sobre reintegracionismo.


É moi difícil explicar todo o que supuxo O-Zone este verán. Comecei a escoitar Dragostea din tei a canda todo o mundo, supoño que nalgún momento da primavera. Pero durante moito tempo non tivo ningún significado especial para min, só un éxito dance máis do que non sabía nada: nin título, nin orixe; nada.
No mes de xuño asistín a unha conferencia sobre a situación sociolingüística do moldavo. Unha profesora da universidade de Chisinau explicounos nun alemán acartonado as dificultades que encontra o estamento dos lingüistas para difundir a idea de que o moldavo e romanés son a mesma lingua e que cómpre reforzar os vínculos culturais con Bucarest. Todo isto fronte a uns gobernantes tardocomunistas malos malosos, nostálxicos e isolacionistas que queren seguir escribindo o moldavo en alfabeto cirílico e falalo inzado de rusismos.
En cuestión de días, Pedro o peruano faloume da canción. Díxome que estaba en romanés e explicoume o significado de nu ma, nu ma iei. E inmediatamente, nunha progresión frenética, volvín para a ghalleira, ao día seguinte cesare publicou un post sobre O-Zone que desatou a polémica (and here "Dragostea din tei" in galician language), participei nas accións da FREAC onde naceu aquilo de "moldavo e romanés a mesma lingua é", coa variante que despois adoptamos como frase do verán "moldavo e romanés, nu ma, nu ma iei".
Días despois namoreime en locais en que Dragostea era banda sonora infalíbel, high asegurado. Dagha afirmaba estar completamente fanatizada co fenómeno e ao saírmos polas noites escolliamos os locais na medida en que soubésemos que iamos escoitar o euro-chochi-hit. Xa de volta para Prusia con Cesare, O-Zone fíxonos reflexionar sobre o moito que lle debe Europa ao antigo bloque do leste, mentres nos marabillabamos cos habitantes de Ljubljana, Bratislava, eses lugares para unha primeira vez...
Onte, na festa de Maria João, entre saltos e miradas de complicidade con André, tamén soou Dragostea din tei, nunha especie de clausura definitiva do verán. Case me saltaron as bágoas.
Que pensarán os rapaciños de O-zone do alfabeto cirílico?

Sem comentários: