21.2.06

azar

Desde o domingo á noite, unha estraña alternancia domina a miña vida. Para comezar, roubáronme a carteira. Tíñaa cando entrei no S-Bahn en Alex. Saín no Zoo e cando me vin diante da billeteira do Zoo Palast, para mercar as entradas do meu derradeiro filme da Berlinale 2006, encontreime sen ela. Balance: uns 15€, un DNI do Reino de España e mais dúas tarxetas de débito.

Luns á mañá -poucas horas despois, case ningunha delas de sono- subín nun avión que me depositou na T4S de Barajas. A verdade é que non estaba enteirado do caos, pero o certo é que nin atraso nin nada. Foi un tránsito áxil, xeitoso e bastante bonito. Todo parecía correr ben até que volvín saír doutro avión e pisei o chan de Alvedro. A miña maleta non viña, e non me sabían dicir onde estaba. Non puiden evitar pensar nos meus gallumbos sen lavar camiño de Sidney.

Esa mesma tarde vou á policía para arranxar o tema da documentación. Arroia, trabúcome de horarios e chego tarde. Pero para compensar, as cousas deixan de ser tan grisallas. Ao coller o coche para voltar á casa, un impulso irracional empúrrame no sentido contrario. No medio dun temporal fantástico de salseiros, zoladas de vento e trobaceiras de auga e pedrazo, paso por diante das illas de San Pedro e acabo no Portiño. Desde o coche vexo o pequeno areal inzado de puntos verde herba que brillan no lusco fusco. Non os podo identificar; baixo á area e entendo.

Algún mercante perdeu a carga co temporal e o mar está cheo de bolsiñas de Apple Chips. Na mellor tradición dos meus devanceiros, aproveito o naufraxio e probo o sabor das talladas de mazás secas que se fan en Shenzhou, Hebei, China.

Ao chegar á casa, o Telexornal confírmame que non vivín unha alucinación: toda a costa do Golfo Ártabro, e máis alá, está cheo de bolsiñas verdes. Hoxe, o xornal comete unha imprecisión incomprensíbel, porque, tal como di o reverso da bolsiña: fat-free, without any additives, preservatives and added sugar, our unique apple chips are 100% natural. Once the Fuji apples of highest quality have been hand-selected and sliced, they are dried rather than fried. No oil, no guilt.

3 comentários:

Plattdorf disse...

Poría as miñas fotos, pero o cable USB da cámara está na maleta.

En Sidney?

acedre disse...

Pois que che apareza todo.
O do naufraxio ese debeu de ser famoso que falan del Colineta e Suso Lista nos seus blogos.
Os da Voz deberon pensar que eran patatillas pola forma da bulsa.
Un saudo e que pases boa estadia na terrinha.

Cesare disse...

Polos calzóns de sidney non se me afoute