23.12.04

Que difícil

Revelde colleu hoxe vacacións e, demostrando o horror atávico dos composteláns pola Coruña, foise esta mesma tarde para o sepulcro do santiño. Combinamos unhas horas antes de que se fose con Caladinha cara ao sur e xantei con el e mais con Elfnoldo. Laretamos, lercheamos, e nun xesto de enorme magnanimidade –non esaxero, e eu sei por que o digo-, deixoume as chaves do seu piso coruñés para estes días de ausencia.

Porque claro, en concordancia con esta adolescencia mal curada que arrastro desde os 18, a estas alturas do campionato véxome por primeira vez na miña vida sen ter onde pinar: cando me veño de Berlín volvo á casa de meus pais, e Elfnoldo tamén vive coa familia. A vella canción do Simca 1000 toma un novo sentido para min e o Citroën Xantia non mellora moito as cousas.

Teño a sensación de que usar esa cama vai ter algo de profanación dos santos lugares, pero comparado cos cabezazos contra o teito do coche ou a tensión de procurar un cuarto nun hostal e que os donos che digan sistemática e sospeitosamente que xa non teñen sitio, a casa de Revelde vai resultar tan charmante coma un Hilton.

1 comentário:

Anónimo disse...

Aínda non sei moi ben que e iso da magna-non-sei-que... pero gracias. E podes estar tranquilo que a profanación xa sucedeu nesa cama, poucas veces pero algunha xa caeu. Desfrutadea que é grande de máis.