10.11.05

Flammkuchen



Todas estas pequenas cidades alemás resúltanme parecidísimas. Uns cantos edificios históricos no medio de bairros reconstruídos nos anos sesenta sobre as cinzas dos bombardeos. Un par de rúas peonís dedicadas aos comercios, sempre ocupadas por locais das mesmas cadeas. Papelarías e máis papelarías con centos de sobres, cartóns, lapis e rotuladores de todas as formas, tamaños, cores e sabores. Drogarías e máis drogarías con perfumes, lacas, deterxentes e velas para dar por un zoco e parar un tren.

Como non xantei decido adaptarme aos costumes do lugar e cear cedo. Ás seis e media xa estou sentado nunha Gaststube, a versión alemá dun mesón. O local ten pendurados polas paredes enciños, acordeóns, regadeiras, mazarocas de millo e todo tipo de achifánganos rexionalistas. E ao chegar a carta..., sorpresa! Hai Flammkuchen!
O Flammkuchen é unha cousa difícil de atopar en Berlín (supoño que tanto como encontrar salmorejo en Vigo ou filloas en Sevilla). Trátase dunha finísima masa de pan cuberta cunha base de nata ácida e outros diversos ingredientes, a escoller. Algo así como unha pizza á alemá. Como hai tempo que non o comía pido inmediatamente un e a miña sorpresa continúa cando me traen un Flammkuchen coma a roda dun carro (máis ben coma unha pantalla de plasma, porque son rectangulares), suficiente para catro. O máis divertido de todo non foi tratar de comer todo aquilo a risco de estoupar. O divertido foi ver como os clientes das outras mesas comentaban a xogada e seguían os meus avances con interese manifesto. Houben morrer entupido. Pero case o acabei.
Ás sete e pico da tarde, con noite pecha desde hai horas e unha enchente coma un mundo, xa teño a cidade controlada. Incluso sei que hoxe hai unha contada de contos ás oito, con entrada gratis, no palacete Heyls. Así que coas rúas case desertas, a falta de nada mellor que facer, decido unirme ás actividades dos culturetas locais. Chego á hora, entro, localizo a sala do evento: o performer mantén unha animadísima conversa coa organizadora baixo a atenta mirada das dúas únicas asistentes. Digo ola cando me miran e volvo saír mirando o reloxio, coma se esperase a chegada de alguén: quero disimular porque tampouco é cousa de desanimalos, pero o certo é que estarrezo ante a posibilidade de ser o cuarto e último asistente a un acto no Heyls-Schlösschen de Worms, sobre todo cando nin sequera estaba seguro de quedar todo o tempo.
Lisco para o cíber.

5 comentários:

Anónimo disse...

Ben feito! Honraches os teus! Nótase que vés dunha familia onde fartura non é so unha abstracción...

Cesare disse...

:D
:D

kaplan disse...

non voltou ainda ou é que non nos vai contar nada da sua peripécia?

Anónimo disse...

concordo co dito por Kaplan: onde é que estás? Queremos saber máis...
Por aquí aghallopan:chegoume un correo pedindo boicot aos produtos cataláns...

Plattdorf disse...

Onde estou? Pois traballando. Tiña gana de actualizar hoxe, con tanto como quería cotar, pero non dou feito.

Hmmm, a ver se polo menos unha foto.

E por certo, se lle chegan mensaxes pedindo boicot, eu de vostede revisaría o meu círculo social, como di sihomesi.