2.3.05

mittelgaliza

Subo no Xantia da Coruña a Santiago entre falsas ameazas de neve dos paneis da autoestrada, e cando chego introdúzome no ventre da besta para solucionar diversas cuestións burocráticas. Vindo do trato coa burocracia alemá resulta espectacular reencontrarse co -estereotipicamente- xenuino carácter galaico, que está plenamente vivo entre algúns dos nosos funcionarios. Fiquen tranquilos: a raza non esmorece.

Tento combinar con Cesare para xantar pero acabamos concertando o que podería ser unha das citas máis supergais da miña vida: decidimos ir xuntos a cortar o cabelo. E o que podería imaxinarse como un cónclave plumífero de secadores, bigudís, vaporizadores, extensións e papel de aluminio redúcese a unha entrañábel conversa de barbería entre nós os dous e mais o barbeiro, que nos coñece desde hai anos.

Para o café, Cesare descóbreme o Terra Nova, onde estou teclando arestora. Ao entrar, o ambiente do local impúlsame a falar alemán, e teño que controlarme para lle falar en galego a aqueles ollos azuis; parece que todos os Erasmus de Compostela decidiron establecer aquí o seu local social, así que cando Cesare lisca para o traballo e fico só póñome efectivamente a falar en alemán con algún dos clientes, máis ca nada por aquilo da fachenda.

3 comentários:

Cesare disse...

Por que arredemo empezaches a falar alemán despois de eu marchar?
que tal co camareiro?

opaco disse...

So, was ist passiert mit den blauen Augen? ;-) Hai continuación?

Plattdorf disse...

Ah, agora vexo wer war's... :-D

Desculpen, pero non foi co camareiro, que é estadounidense. Sigan probando. ;-)