13.4.05

fin dunha era

Na época da DDR a xente evitaba vivir perto do Muro porque disque resultaba deprimente, de maneira que as zonas máis próximas á fronteira fóronse convertendo en periferias marxinais de cada un dos lados da cidade. Como resultado da Wende, esas mesmas zonas volveron ser o que foran nun comezo, o centro mesmo da urbe, e a especulación feroz sobre elas non tardou nada en comezar. Así foi como reapareceu Potsdamer Platz, antes da guerra a praza con máis tránsito de Europa e durante moitos anos simple terra de ninguén dedicada a franxa de seguridade do Muro, un descampado desolador no medio e medio de Berlín.

Nos primeiros anos noventa, os movementos okupas e milleiros de Wessis aproveitaron a miríada de naves industriais abandonadas e edificios en semirruína de Berlín Leste para estabeleceren as súas vidas ou os seus negocios por un prezo ridiculamente baixo ou inexistente. Tanto para os primeiros como para os segundos a situación foi mudando bastante nos últimos tempos: despois de anos de loitas na rúa e pintadas de wir bleiben ("nós ficamos"), a maioría de casas okupas foron desaparecendo ou adaptándose mal que ben ao sistema. Por outro lado, a restauración e a consecuente revalorización de moitas zonas orientais provocou primeiro a expulsión de inquilinos para acometer as obras e despois unha suba considerábel nos prezos das vivendas e locais comerciais.

Ostgut, un dos clubs berlineses de referencia, que se establecera daquela nas naves da zona industrial de Ostbahnhof, pechou ao pouco de eu chegar porque a marea de rehabilitación xa chegara á súa zona. Estivo pechado durante perto de dous anos e este inverno reabriu co nome de Berghain non moi lonxe da situación orixinal.

Agora é a vez de Tresor. Foi o primeiro club que visitei en Berlín, xa antes de vivir aquí, aquel decembro que vin de viaxe con Fuegho, UAB, Carballido e Nívea. Era e é unha referencia importante para os turistas (non, hoxe non podo, que esta semana teño uns amigos na casa e hoxe toca Tresor, xa sabes...) máis ca para os indíxenas; o feito é que poucas veces volvín. Coma todos os clubs in, nada de luxos: entrada por un pendello e baixada a un soto con paredes de tixolos gastados e chan de cemento coas botellas de cervexa baleiras amoreadas polos recantos. Pero este templo da electrónica está en Leipziger Platz, unha das prazas xeométricas que se deseñaran para o Berlín do século XVIII, desaparecida coa Guerra e en pleno proceso de reconstrucción agora que a veciña Potsdamer Pl. xa está rematada.

Sábado é a última sesión de Tresor. Esta semana abren todos os días e a partir de aí, mentres procuran sitio, van estar de hóspedes aos mércores en Maria am Ostbahnhof, outro grande clásico. Até que lle toque a Maria, supoño.

5 comentários:

María disse...

Sabía vostede que esta María está pensando en viaxar no mes de xullo a Berlín?

(non é un autoconvite, pero se cola...)

Plattdorf disse...

Pois pénseo ben e decídase rápido, que hai que ir collendo número.

Jaureguizar disse...

En agosto do 2003 descubrín, en medio dunha onda de calor cruel, o Sony Center. Entrei aló, abraiado, no 2010 e volvín saír no 2003 cara á sede da Chrysler, cara 1950. Esa zona é todo un espectáculo.

Cesare disse...

esnif esnif...
menos mal que digo ostebañofe e empezo a rir.

Plattdorf disse...

Jaure: esa zona é todo un espectáculo, pero para a vida cotiá non ten alá moito atractivo. Así que un case acaba indo só cando ten visita.

Cesare: Ostebañofe é fundamental, si. Pero que me di do aeroporto de Tempellofe?