Davichini é, á parte do meu amigo, o meu ídolo e o inventor do
cacaosombra. Malia sermos veciños e estar no mesmo
instituto, funo coñecer cando tiñamos 17 anos nunha excursión a
Praga. Desde entón, fomos tecendo unha amizade que nos levou a compartir moi boa parte das nosas horas de ocio durante anos e anos. No verán, horas e horas de acampada entre o
Caurel, a
praia do Lago e o
Monte Aloia. No inverno, horas e horas de manises e porrón no Priorato e miles de horas e horas de baile en
Oh! Coruña. E por suposto, horas e horas de safaris de sábado noite a todos os glamurosos e remotos clubs que estaban ao noso alcance:
LP45,
Pazos,
Dudas foron os primeiros obxectivos dun radio de acción que despois xa se foi estendendo
máis e
máis, sempre a bordo do seu inefábel vehículo, o
Voyager 5, que nos daba tantas alegrías coma disgustos.
Xuntos vivimos uns días nunha
vila perdida do sur de Italia entre
mammas e
nonnas que nos fartaban a pasta da casa e decidimos que tiñamos que quedar a vivir en
Positano. Xuntos fixeramos plans de liscar para Londres ao acabar coa Universidade e vivir alí entre a coca que lles regalan os xefes aos empregados dos hoteis e as pirulas de
Ministry of Sound. Pero as cousas acabáronse torcendo: a min laváronme a cabeza nunha facultade e acabeime convertendo nun pureta berlinés, mentres el foi a unha
facultade que -nas súas palabras- parecía un instituto e segue, milagrosamente, exactamente igual ca antes; se cadra un pouco menos esquelético grazas a todos estes anos de ximnasio. Aínda non sei se atribuírlle este caso de aparencia física adolescente a puras causas xenéticas ou se haberá que considerar a posibilidade do pauto co demo. Cos seus 1'80 cm., aos 25 anos aínda lle pedían o carné... Os meus amigos que o coñecen tenden a alucinar co guai que é, e algunhas amigas xa teñen alucinado en xeral.
Pero non só por todo isto é o meu ídolo. A súa versatilidade laboral non ten parangón. Só neste ano, polo que eu sei, xa traballou de xardineiro, monitor de actividades deportivas extraescolares, monitor dun comedor escolar, colocando carteis de prezos nos Lidl de Mallorca, poñendo copas pola
Costa da Morte, de porteiro de discoteca e de azafato na exposición de
dinosauros do
Parrote.
Como carallo non vai ser o meu ídolo?