30.11.05
29.11.05
Galiza-Nagorno Karabakh immer noch

-Pois non... Agora mesmo están facendo un, pero polo momento haise que ir axudando cos de portugués e español. Claro, tes que comprender... É unha lingua minorizada, ten unha elaboración relativamente recente...
-Ai, non, tranquilo, eu enténdoo perfectamente. Tampouco hai un bo dicionario de alemán para a miña lingua.
púxoo Plattdorf 5 comentario(s)
25.11.05
Maybachufer

O arroz arborio, redondo, o SOS de toda a vida, é carísimo nos supermercados alemáns porque é vendido como arroz mediterráneo especial para risotto e paella. Os turcos véndeno a granel e custa normal.
Tomates: de 3'50€/kg no súper a 90 cents na feira.
Castañas: de 7'50€/kg no súper (italianas) a 2'90 na feira (turcas).
Xurelos: de..., ups, non hai peixe fresco no súper, a uns xurelos aceptábeis -coa engala un pouco encarnada- na feira (das xardas falaremos noutra ocasión...)
E de paso pillo medio quilo de baclawa.
Coma un pepe.
púxoo Plattdorf 5 comentario(s)
cepillar ananás
Parece que nos colleu a todos por sorpresa.

púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
polo carallo
Entre o público había bastantes alemáns, galegos, galegoalemáns, canarios, andaluces, un belga, unha armenia, un estadounidense aspirante a québécois e un brasileiro.
Colle un alemán e coméntame todo serio, en alemán (a tradución é miña, que diría o outro):
É incríbel a presenza que ten Galiza aquí en Berlín, non? Fíxate, hai pouco houbo un festival de cinema galego e despois houbo unhas conferencias no Ibero-Amerikanisches Institut. Ás veces parece que se fala máis de Galiza que de España en xeral.
Non podo reprimir a gargallada.
púxoo Plattdorf 5 comentario(s)
22.11.05
le freak? c'est chic!

A transversalidade do meu traballo fai que ande remexendo nos libros e na memoria para sacar fundamentos do románico. Tamén estou fozando en Internet á procura de fotos para unha presentación de pagüerpoing. Grande acerto pola miña parte, para o románico en Alemaña sáenme exactamente as tres catedrais que visitei a semana pasada, así que podo falar con certo relax sobre o románico desde Worms a Compostela pasando por Toulouse, Conques e Jaca.
Polo medio, desde certa rolda de correo electrónico vanme chegando ardentes discusións sobre o nome galego dos meses árabes ou a transliteración de topónimos chineses que me divirten extraordinariamente.
Agora agardo feliz a irrupción de alguén nos comentarios para berrarme por diversas razóns.
Eu non o diría mellor.
púxoo Plattdorf 5 comentario(s)
ao seu xeito

Que escolleu? Die Moritat von Mackie Messer, Summertime (a nonseicantos graos baixo o cero en Hannover, debe ser por aquilo da suxestión) e a apoteose: My way.
Grande momento ver as bágoas brillantes e contidas nos ollos dun Schröder en posición de firmes mentres soaba My way en versión corneta. Para esmendrellarse.
Con que se depediría Aznar? Soy el novio de la muerte, quizais?
E Fraga?
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
21.11.05
your Palast needs you
O mellor da manifa do sábado foi o momento contribución á causa: 15 euros dedicados a unha tixer que parafrasea o lema de Kylie Minogue tan usado nas miñas conversas con Cesare: dein Palast braucht dich.
O teu Palast necesítate.
púxoo Plattdorf 3 comentario(s)
20.11.05
verán de San Martiño, porquiño, etc.
Naturalmente, estas discusións sobre memoria histórica non son exclusivas de Alemaña, aínda que aquí estean algo máis desenvolvidas. Hoxe recibo unha chamada da familia, reunida ante o cocido do 20-N. Onte, mentres eu me conxelaba diante do Palast der Republik, eles foran dar unha volta por Meirás.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
clímax
1.- Unha rapaza da organización colle o micrófono e dálle paso no palco a unha intervención non preparada. Unha velliña explica nun discurso espontáneo e perfectamente fiado que ela forma parte do comité pro-Palast desde o ano 1993, que esperaba ver nesta manifestación unicamente as caras de vellos coñecidos e que está plenamente feliz de ver tanta xente nova, que se alegra inmenso de que a xuventude tome esta reivindicación. Xusto diante de min, un matrimonio de ossis duns setenta anos -con certeza vellos coñecidos- míranse sorrindo e sécanse mutuamente un par de bágoas.
2.- Nunha das intervencións preparadas, o interveniente fala do valor do Palast como garante da memoria histórica, etc. Prosegue:
si, todos sabemos que a RDA era unha ditadura, pero...
Interrómpeno asubíos, berros, apupos de protesta.
Teño a sensación de ser o espectador indiscreto dunha escena íntima de familia.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
Stopptag
Entre os manifestantes víase unha curiosa mestura de ossis nostálxicos e ben entrados en anos -recoñecíbeis polo seu aspecto perestroico de gorros de pel e anoraks desfasados- e xuventude recente na cidade -tamén recoñecíbel pola súa coidada estética retro-setenteira de chaquetas de chándal e cazadoras acrílicas.
O que se pedía era claridade a respecto do destino do Palast der Republik. Hai anos que o parlamento alemán decidiu derrubalo e agora ademais hai unha iniciativa cidadá, ou algo, que pretende reconstruír no seu lugar o antigo palacio da monarquía prusiana mediante unha subscrición popular, supoño que á maneira do que aconteceu coa Frauenkirche de Dresde. Hai tres puntos interesantes que tirei en limpo do que se dixo nos discursos da manifestación:
1.- Ninguén pode crer que se vaia conseguir o diñeiro para a reconstrución dun pseudo-palacio só con financiamento privado. Ao final, o diñeiro acabará saíndo dos impostos.
2.- Hai anos que o Palast funciona de facto como centro cultural, tantos como se leva dicindo que esta é a derradeira oportunidade de visitalo antes da súa destrución. Que sentido ten derrubalo agora, sen máis, antes de saber con toda certeza que é o que vai pasar co espazo que deixa baleiro, e sobre todo se temos en conta o caro que vai saír o propio proceso de demolición?
3.- Aínda no caso de que se consiga o diñeiro para a reconstrución do palacio real, para que se quere reconstruír? É máis interesante ter semellante pastiche ca un edificio coma o Volkspalast, testemuño aínda vivo, real e plenamente representativo do período histórico que máis marcou esta cidade, ou sexa, os últimos oitenta anos?
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
invernía
O mesmo venres, consultando as predicións nun xornal en papel, decátome de que lle poñen nomes de home ás borrascas e de muller aos anticiclóns, ao estilo do que se fai cos furacáns e ciclóns tropicais. Estes días, por exemplo, o corredor que había entre o anticiclón Xandra e a borrasca Rainer estivo mandando un frío polar a Prusia. Hai uns días, a fronte fría asociada a Quentin deixou precipitacións en forma de chuvias e nevadas desde as Illas Frisias orientais até Brandemburgo.
Supercool.
púxoo Plattdorf 1 comentario(s)
19.11.05
auf die Strasse, Berliner!
Temos que salvar o Volkspalast.
Hoxe, todos á rúa.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
14.11.05
mediocridade
Pero sobre todo aclara con máis coidado aínda que no sistema escolar español protéxese especialmente aos peores alumnos. Como puiden ir observando nestes anos, hai poucas cousas tan sorprendentes e inasumíbeis para os alemáns como un sistema escolar en que todos os alumnos permanecen xuntos no mesmo centro escolar e case co mesmo currículo de estudos até os 16 anos. En Alemaña, os alumnos son segregados desde ben pequenos en diferentes tipos de escolas segundo o seu rendemento académico. Hai algo así como tres tipos de centros educativos, que se corresponden claramente con tres niveis de prestixio. Para eles está moi claro que non se pode prexudicar aos alunos brillantes manténdoos nunha clase con "lastres", que atrasan e dificultan o seu camiño cara á elite social.
Se lles comentas que no noso sistema o que pode pasar é que os mellores axuden aos peores, os interlocutores alemáns poñen cara de sorpresa, fican pensativos un pouco e encollen os ombros.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
Frankfurt
Outra vez na zona dos rañaceos, de volta cara á estación, e despois de varios días de ábsidas, ciborrios, coros e criptas, fico pampo cun enorme e luminoso Pantocrátor século XXI. Toma efectismo.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
Gutemberg

Pequena compensación do luns: ver os nenos dalgunha escola de visita na imprenta do museo, que si abre.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
Johannisnacht
Nun dos muros deste parque furouse un burato polo que pasa a luz do sol ás 12:00h nos días previos a posteriores ao 21 de xuño. O sol pasa a través deste burato e brilla na placa de latón posta no chan en lembranza da importancia que tiña na Idade Media o baño da noite de San Xoán (23 de xuño), considerado entón de grande poder terapéutico.
A importancia que tiña na Idade Media... Agora xa podemos cuantificar con máis exactitude o desfase cultural-temporal entre A Coruña e Mainz.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
13.11.05
Mainz
Domingo á tarde voume de Heidelberg para acabar coa tríada románica en Mainz. Isto xa é cidade, así que me vexo obrigado a coller o bus para chegar ao albergue. Dou unhas voltas até dar coa catedral: esa noite grávase un concerto de Advento para a tele dentro do templo, así que quen non ten entrada queda fóra papando frío. De todos os xeitos hai unha pantalla xigante na praza e quedo a escoitar un pouco entre a manchea de veciños amantados.
Mentres o concerto avanza e o público ri sempre que a gravación impón a interrupción dunha peza, eu abstráiome no meu mundo de ilusión e fantasía, observo a xente que me rodea, a catedral e o concerto e déixome levar por pensamentos fáciles e efectistas, como a grandeza deste corazón renano de Europa, todo o que del emanou e a súa identificación co prototipo do ser europeo.
Por fortuna, o frío rescátame. Acabo ceando nun tailandés.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
11.11.05
der Elfte im Elften
Despois van aparecendo os galegos, tan riquiños, que me lembran que temán é San Martiño.
Mágoa de castañas...
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
limes II

Alí, só o mato.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
Speyer

En corenta minutos de tren rexional chego e flipo. Por algunha razón, as bombas deberon respctar este lugar, que parece tirado dun conto. A catedral ten unhas dimensións abraiantes: as súas naves laterais parécenme tan anchas coma a central de Santiago. Na rúa principal, diante da basílica, a estatua dun peregrino xacobeo.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
Ring

Mentres rodeo a estatua chegan dúas adolescentes turcas que se poñen a fumar alí clandestinamente a resgardo de todas as olladas. Menos da miña.
Son algo así como transparente.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
Nibelungen

Partindo dun local significativo pero francamente escaso (dúas pequenas torres e un anaco da muralla medieval) e duns fondos materiais nulos (non se expón nin unha soa peza), Worms acabou tendo un museo exemplar, entretido e didáctico. Todo el está baseado nunha audioguía: os auriculares e as locucións actívanse automaticamente ao avanzarmos polos puntos temáticos do museo, só marcados por pequenas pantallas numeradas. As pantallas teñen un bucle de 3 ou 4 minutos con fotos, gravados antigos, miniaturas medievais ou treitos do filme Die Nibelungen, de Fritz Lang -aquí Sigfried en bólas bañándose no sangue do dragón.
Pode parecer básico ou aborrecido, pero pasei alí dúas horas e media. Especialmente interesantes eran as explicacións sobre o aproveitamento que fixeron os nazis da materia dos Nibelungos, asociando personaxes e situacións da trama co acontecido na I Guerra Mundial.
Iso si: audioguía en alemán, inglés ou francés. Como chegue alguén que non controle ningún dos tres vai levar un carallo coma un nabo, porque á parte da audioguía alí non hai absolutamente nada. E iso é o máis fantástico de todo.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
repolos de Worms

Para que despois digan.
púxoo Plattdorf 2 comentario(s)
10.11.05
Flammkuchen
Como non xantei decido adaptarme aos costumes do lugar e cear cedo. Ás seis e media xa estou sentado nunha Gaststube, a versión alemá dun mesón. O local ten pendurados polas paredes enciños, acordeóns, regadeiras, mazarocas de millo e todo tipo de achifánganos rexionalistas. E ao chegar a carta..., sorpresa! Hai Flammkuchen!
púxoo Plattdorf 4 comentario(s)
limes
Estando en pleno Camiño de Santiago e cunha catedral construída xusto despois da compostelá chego a San Pedro de Worms pensando que, igual ca en Trier, ha haber moitas referencias xacobeas. Non. Unha imaxe cutre de Santiago do 1500 e unha vieira labrada nun púlpito barroco é todo o que podo atopar. De todos os xeitos impresióname a dimensión da nave central e a cor da pedra, rosa coma a de Heidelberg. Na portada da fachada norte fuman petas uns cantos adolescentes. Óllanme inexpresivos mentres eu leo a inscrición e manteñen o silencio.
Vou até a beira do Rin e entro na ponte dos Nibelungos pasando por baixo da imponente Brückentor. Paro no medio do río, reparo nas dúas marxes e fico pensativo. Son as cinco da tarde, cae o serán e na marxe occidental, a romana, a paisaxe está completamente humanizada, cunha sucesión de naves industriais e fábricas á beira do río e a silueta da catedral ao fondo, difuminada pola néboa. Na outra marxe só hai prados e árbores. Por algunha razón está todo igual, salvando as distancias, ca no século V.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
nächste Haltestelle
Hoxe, ás 08:39h, saio nun tren de alta velocidade cara ao sur. Non sei onde vou durmir.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
Krawalle

Se non me engano, nesta edición de Cineuropa vaise producir a primeira proxección pública en Galiza de One day in Europe, de Hannes Stöhr. Vexan, vexan a historia de Berlín e terán unha pequena parodia do que digo.
Ora ben, iso si, xa o din os xornais locais: en DEZ anos teremos París aquí.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
dichoso mes, etc.
Estes días están sendo bastante tristes por aí sen que a voráxine de aquí me permita pararme moito a pensalo.
Pero soño convosco.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
reconciliación silenciosa
Domingo: sushi barateiro de happy hour e varias horas de bailes agarrados no Café Fatal. Frío na cara e Nachtbus de madrugada.
Hoxe: cea na miña casa con tabule, polbo á mugardesa (aprox.), Abadía de San Campio, torta de Santiago (selbsgemacht) e licorca do Mosquito.
Agora: decátome do inxusto que fun con Benjamim.
Ou de como a proximidade rompe a distancia.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
4.11.05
3.11.05
ˆId al-Fitr

Así que hoxe estamos en pleno comezo do ˆId al-Fitr, a Festa do Azucre dos turcos. Tres días de festa total, cos fornos cocendo pasteis a tope, as familias visitándose, estreando roupa e intercambiando regalos...
Polo visto, disque tamén se nota moito na venda de viagra.
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
primeiras reaccións
Recibo a seguinte mensaxe dunha amiga:
estou encantada porque acabo de visitar as túas intimidades e entereime de que estas dúas mullerasas van presentar o telexornal, pois de Begoña xa sabía pero Belén, non. Levei unha sorpresa moi boa porque son das mellores a todos os niveis, como profesionais e como persoas (digo isto porque alí persoas hai moi poucas). En canto aos directores: Luis Quintas do mellor, dígocho eu, que estaba ata o carallo do que facía, e que dicir de Anxo Rodríguez... Vamos, que como dixo a Julia Roberts: casi me meo de gusto en las bragas, jajaa
púxoo Plattdorf 0 comentario(s)
2.11.05
capar e asubiar reloaded (quién te ha visto y quién te ve)

Non é nada fácil facer caso do que di. O auditorio en forma de U ponme enfronte dun espectador moito menos interesado ca min, pero, para compensar, moito máis interesante. Até no pelo; en todo sería igual a un personaxe de manga se non fose por esa mínima barbuxa trendy que lle baixa, superloira, pola beira da mandíbula. Conforme aos costumes do lugar, aborrécese explicitamente, reméxese lentamente, bocexa, tócase, e é aí onde por veces teño que apartar a vista. Fai forza no aire cos brazos cara adiante e estrica bíceps, tríceps e deltoides até que as sombras lonxitudinais que percorren a súa epiderme dan idea da magnitude maxestuosa -pero doméstica e moi xestionábel- da cuestión. Agora estrica os trapecios baixando o cranio e o pelo cáelle sobre a fronte; despois vai rotando a cabeza e pouco a pouco, entre a vez de cada esternocleidomastoideo, aparece a protuberancia da larinxe e o nacemento das clavículas. Todo é normal e perfecto, apetecíbel, abundante sen parecelo.
Acaba a conferencia. Fago unha pregunta no tempo de debate.
púxoo Plattdorf 2 comentario(s)
efeméride
1º de novembro: Día de Todos os Santos. Aniversario do terremoto de Lisboa.
2º de novembro: Día de Defuntos. Aniversario de m)alicia.
Se esta rapaza nacese noutro momento e lugar, sería unha gruftie. Supoño que se poden recoller varias razóns para que acabase sendo unha rapaza tan ao xeito.
Parabéns, churri.
púxoo Plattdorf 2 comentario(s)