23.6.05

San Xoán!!!

Xa hai tres anos que non podo festexar San Xoán -que, co Entroido, é a festa máis grande do ano- como se debe. Penso que é unha das maiores carencias desta cidade. De calquera maneira, desde o principio resistinme a deixar pasar esta data como se fose outro día calquera, así que me vin no supermercado comprando caixiñas de menta fresca e romeu, ou bulbos de fiúncho (de facer ensaladas) para aproveitar as poucas folliñas que lle deixan ao comercializalo e así poder lavar a cara cun sucedáneo -carísimo- de auga de San Xoán. Tamén fixen o ridículo de maneiras diversas para non deixar de saltar unha lumerada e ficar libre de meigallos, males de ollo, aires, trabadas de cadelas e cans (con respecto a isto último, podo asegurar que as lumeradas foron completamente efectivas).

Envexo a calquera que a esta hora poida estar comendo unhas sardiñas asadas na Coruña, en Carballo ou no Porto. Envexo a calquera que vaia saltar unha lumerada en Santiago, Vilagarcía ou Sada. Envexo a quen se poida bañar esta noite na praia da Lanzada ou na praia da Barceloneta (snif...).

A todos, deséxolles unha fantástica, lúbrica e máxica noite de San Xoán.

4 comentários:

Anónimo disse...

As mans no teclado aínda cheiran a sardiñas; o lugués , un ano máis , non nos defraudou.Entre sardiña e sardiña intentaron vendernos un Seoane...Un San Xoán máxico, como podes ver...Tod@s te botamos en falta...As Ghustaveras...

Plattdorf disse...

Vaites, vaites, Ghustavera, xa me tardaba vela comentando por aquí.

Sexa benvida, pase e póñase cómoda. :-)

Boss disse...

Foi bonita a festa no Porto. Para o ano quero-o aqui ;)

Plattdorf disse...

Quen me dera...!