semana do sincretismo relixioso
O día 21 de xuño en Berlín tamén se celebra a Fête de la Musique, ese invento francés que a estas alturas xa foi exportado a toda Europa. Case todas as prazas teñen concertos gratuítos desde o mediodía e a animación na rúa é enorme.
Este ano, o solsticio e a Fête viñéronnos cunha calor sufocante. Á tarde atravesei o Tiergarten en bicicleta, agradecendo o aire na cara, e subín con Pedro até a Zionskirchplatz. Todo Prenzlauer Berg estaba cheo de xente medio espida, pero no concerto da praza xa non se collía. Así que deixamos as bicis, metémonos nas riadas de persoas que andaban pola Kastanienallee e sentamos na terraza das pizzas-naan para ser completamente cool, comer wraps de avacate e beber lassi con auga de rosas e sementes de comiño.
Cando nos decatamos, a noite adiantárase por mor dunhas nubes negras e ao pouco tempo apareceron os lóstregos. Cando demos collido as bicis e nos lanzamos a todo dar pola Weinbergstraße abaixo, as primeiras pingotas mollaron o asfalto: aí comezou a maxia. O chan devolvíanos a humidade da chuvia en bafaradas quentes que traían o cheiro da terra reseca, e aquilo era como estar en Xacarta ou en Aruba, cos lóstregos debuxándose no ceo a tiraliñas. Corriamos para nos gorecer baixo as vías do tren na Friedrichstraße, pero en dous minutos tiñamos as camisetas e as bermudas enchoupadas de vez. Como a temperatura non baixaba, pararmos nuns soportais de Unter den Linden por ver se aquilo amainaba un pouco e secar a roupa foi todo o mesmo.
Tras outra carreiriña, veu outra parada para resgardarse baixo a Porta de Brandemburgo. Era algo cedo para ir para a casa, así que decidimos ir a Schöneberg para tomarlle unha. As carreiras nocturnas coa bici por Postdamer Platz convidaban a inspirar fondo un aire tan acabadiño de limpar e en Schöneberg, sentar baixo o toldo dunha terraza para tomar un galão mentres descargaba outro chuvasco foi un pracer íntimo e silencioso.
E así, con esta terapia, imos levando a Semana de Paixón.

Sem comentários:
Enviar um comentário