23.6.05

Pride Woche

Berlín está en plena semana gai. A fin de semana pasada foi a Lesbisch-schwules Stadtfest (a festa gai e lésbica nas rúas de Schöneberg) e este sábado é o CSD (Christopher Street Day, ou sexa, a Marcha do Orgullo Gai). Pola rúa vense cada día máis e máis grupos de fulanos con mochilas ao lombo, músculos anabolizados, bronceados perfectos e cabezas rapadas á procura do enderezo exacto dese apartamento que alugaron para pasar estes días especiais no mesmo centro da pataca frita. Hai bandeiras do arco da vella penduradas na fachada da Humboldt Universität, do concello de Wilmersdorf e supoño que en moitos outros edificios oficiais. Non sei se é impresión miña, pero no supermercado, nos bares, nas tendas, no metro..., o fío musical machúcanos e machúcanos con Gloria Gaynor, Village People e Abba. Non é que estea saturado, e se o estivese nunca me queixaría; é só que xa penso no día en que ache todo isto en falta.

2 comentários:

Cesare disse...

non ten por que volver nunca...

Plattdorf disse...

Que xa o sei, pero eu créome na obriga de volver.
Con tantiño como hai que rañar por aí...