24.11.04

¿eres español?

Outro día hei falar con máis calma disto, pero non quero deixar de anotar algo sobre os compis que me tocaron desta vez no curso de alemán.

Moitos deles xa se coñecen porque veñen xuntos do curso anterior, e como non puiden ir á primeira sesión do curso, a das presentacións, non lles sei nin os nomes nin as procedencias a todos. De todos os xeitos, os dicionarios de peto son unha boa maneira de ir localizando a xente.

Sentei a carón dunha rapaza con enormes uñas pintadas que me deixou ler polo seu libro. As anotacións estaban nun alfabeto que non recoñecín, pero o dicionario tiroume de dúbidas: persa. A rapariga falaba bastante coas outras dúas que sentaban á súa dereita, así que identifiquei un primeiro núcleo iraní. Pouco despois un home duns sesenta e pico anos que sentaba fronte a nós díxolles algo en alto, así que tamén souben que era paisano delas.

Á miña esquerda, os eslavos, uns nove ou dez. Non fai falla mirarlles os dicionarios: o seu acento en alemán é inconfundíbel. E ademais, por aquilo da intercomprensibilidade dos seus idiomas, falan bastante entre polacos, ucraínos e demais. Un detalle: dous polacos (penso) falaban en alto entre si e un eslovaco (na camiseta poñía Slovakia...) escoitaba e sorría (ARF, ARF...). A polaca pregúntalle en alemán se entende o que din e el asente. Durante o descanso, na cafetería, póñense todos xuntos e falan devagar para facerse entender.

Curiosamente, a pallasa da turma é unha tipa super-butch-camioneiro-de-camión-de-sete-eixos do sector eslavo, que mentres nos entretén a todos coas súas caralladas faille as beiras a Maia, a hipppiosa cachonda convencida de selo.

E, cousa estraña, estas son as maiorías. Normalmente, os que máis abundan son turcos, vietnamitas/tailandeses e españois. Pero desta vez só hai un fulano con pinta do sueste de Asia, un xordano, unha rapaza que parece cingalesa (ou algo) e pouco máis.

Ah, si, claro. Non me librei. Media hora despois do comezo da clase chegou ela, a máis espilida e disposta de todas: a española, olé. Polo visto, o día anterior deixárana encargada de facer unhas fotocopias que lle cumprían a algúns alumnos e hoxe a profe díxolle que a Plattdorf (co meu nome románico) tamén lle facían falta. Diante da clase mantivemos unha breve conversa en alemán, pero cando me acheguei a ela para que me dese as copias caeu a pregunta fatídica, con grande sorriso incluído:

-¿Eres español? (acentuadísima entoación ascendente no final)

Estou farto de que me confundan -ou de que me queiran confundir-, pero é que o castelán xa o falo tan ben...

3 comentários:

Anónimo disse...

os seus post aínda me han de obrigar a mercar un atlas do mundo. e está ben a nova denominación pero, ser non era barreiros-catro-eixes?
(m)alicia -ceibe-

Paleón disse...

Eu ante a pregunta no estranxeiro "Falas español?" resposto, "entendoo máis non o falo"... e disto acaba por xurdir un discurso raiante sobre o que Ghalisia.

(m)alicia - ceive: deixese de misterios e conte xa o q oculta ;-)

Cesare disse...

Jajaja. Pero a pregunta non foi "falas español" senón "es español".
E non sabemos o que lle contestou Plattdorf