22.11.04

non me queren as miñas comadres...

En parte por aforrar e en parte por probar, levaba dous meses sen cortar a cabeleira. A última vez que a fora cortar deixáraa máis longa por riba e por atrás ca polos lados e iso permitiu que me reencontrase, tantos anos despois, cos meus rizos da caluga.

Porén, farto de parecer a ovejita lucera e dado que xa non quedaba nin rastro de calquera estilo de corte, onte funme tosquiar pra recuperar os dous milímetros habituais. A rapariga que me atendeu tívose que afanar en domear o freganzo que levaba eu na cabeza, pero ao cabo conseguiuno. Cando acabou díxome que tiña que probar a usar un xampú hidratante, porque tiña o cabelo completamente kaputt e se o coidaba un pouco podía brillar máis e estar moito máis bonito. Conseguiu que saíse de alí doente pola evidencia, pero non o podo facer por mellor: estou quedando careca e este é o primeiro chanzo da degradación. Que lle vou facer?

Ao chegar á casa detívenme diante do espello e reparei ben no corte. Unha desfeita. Déronme ganas de volver por alí para preguntarlle á tipa en que feira lle venderan o título de perruqueira e cuspirlle na cara o que pensaba dos seus xampús hidratantes e dos seus consellos. Pero desistín da idea, e como tiña que ir ao supermercado por comida, aproveitei e merquei a máscara líquida reestruturante (Aufbau, di aquí) de Nivea Hair Care para cabelo seco e estragado.

Sen necesidade de aclarado.

1 comentário:

Cesare disse...

Razonamento ourensao: e o que vai aforrar en abrillantador os vindeiros anos?