25.11.04

integración

Cando un chega a unha cidade coma Berlín sen falar ben o idioma, a actitude que hai que asumir para facerse entender e ter éxito nas relacións coa xente é fundamental. Por pór un caso práctico, se un quere que a funcionaria malencarada da oficina de estranxeiría lle faga un pouco de caso e non lle poña moitos problemas, é realmente importante entrarlle desde o comezo cun grande sorriso aberto e a mellor cara de afabilidade que un encontre, porque aínda que ese sexa o día máis estresante da túa vida, sempre é mellor disimulalo e tentar caerlle ben á fulana antes ca provocar un empeoramento das cousas coa túa cara de (sobradamente xustificada) mala hostia e que a tipa decida que non che pode dar o que necesitas porque che falta calquera carallada que non pensa pasar por alto. E aínda por riba vaicho dicir tan rápido que non vas entender nada.

Así, día a día, en calquera situación, vaste afacendo a levar sempre o sorriso (hipócrita) na boca, para ir sobrevivindo.

Onte foi o primeiro día en dous anos que me permitín o luxo de berrarlle a un alemán. No metro. Eu estaba de pé preparado para saír. Cando o metro parou, á altura da miña porta había dous fulanos á espera para entrar: diante un traxeado e detrás un borracho coa cervexa na man. Ao abrir, o traxeado non só non me deixou saír, senón que entrou coma un lóstrego batendo en min con forza para apartarme do seu camiño, coma se fose perder o tren. Pero xa estaba dentro, e sentou alí mesmo mentres eu ficaba ollando para el á espera dunha mínima desculpa. O borracho miroume, sorriu e besbellou algo de "ben ves, hai que deixalo...". O outro quitou a bufanda todo tranquilo e eu, xa completamente adoecido, non me contiven:

-Sind Sie verrückt oder was?!?!!!!

Malia estarlle preguntando se estaba tolo ou que, aínda tiven a decencia de tratalo de vostede; vexo escenas coma esta a miúdo e sei que o contrario sería completamente obsceno. Todo o vagón ollou para nós mentres o borracho me apoiaba cun afirmativo "ja, ja!", pero o máis flipante foi a ollada de inocencia sorprendida do traxeado, que me miraba coma se a cousa non fose con el.

Saín sen máis porque as portas íanse pechar, pero a alianza moral co borracho compensoume a aldraxe.

2 comentários:

Dot disse...

É que xa non hai maneiras!
Aínda menos mal que nos queda a alianza moral cos borrachos (encantoume!)

O que non sei é (se isto sigue así) se acabaremos todas bébadas, Suellen ;)

Plattdorf disse...

Oi ho, a min xa hai ben tempo que o meu JR me debía ter metido nun centro de desintoxicación, pero un día polo outro...
E así lle andamos.