14.11.04

nie wieder

En Berlín non hai Centro Galego. A maior parte dos poucos galegos que pode topar un por aquí son Erasmus da Coruña ou Vigo que veñen pasar un ano á Technische Universität, ou xente nova que vén buscar a vida poñendo copas ou facendo calquera cousa super-cool só apta para iniciados.

Pouco despois de eu chegar á cidade foi o Prestige a pique, así que nuns meses tiven a oportunidade de co-fundar a cousa máis parecida a un Centro Galego que vai haber por estas terras: Nie Wieder-Berlin. Malia nunca superarmos os seis ou sete integrantes, botándolle cara puidemos levar adiante varias cousas das que nos podemos sentir fachendosos:
1. Facer soliparties (festas solidarias, a mellor maneira de convocar berlineses con problemas de conciencia) con música brava, performances alusivas e proxección de documentarios. Grande éxito de público e crítica, tanto nos primeiros meses coma no primeiro cabodano.
2. Convocar a cita berlinesa da rolda de prensa expansiva paneuropea previa á manifa de Bruxelas. Nun exercicio de moi pouca vergoña aproveitámonos da inxenuidade alemá e conseguimos para facela un local dos Verdes. Para atraer os medios contamos coa presenza de Hannes Stöhr, o director de Berlin is in Germany, que vivira en Santiago e anda agora coa rodaxe de Galatasaray-Dépor. Éxito de público bastante discreto, pero facer fíxose.
3. Asistencia con furgalla propia á manifa de Bruxelas. Que festaza!
4. Proxección no Babylon -o cinema dos guais da cidade- dun programa de filmes documentarios sobre o asunto, con debate posterior co director dun deles. Novo suceso.
5. Prolongadísimas reunións -decote hipercríticas- nos nosos sucesivos locais sociais (bah, o próximo día vémonos noutro bar, eh?, que aquí non hai quen fale co barullo) diante de litros e litros de cervexa.
6. Termos as auténticas camisetas Nie Wieder-Berlin.

Gaelgram, que está na orixe de todo isto, facía onte unha festa desas que se dedica a montar polos bares da cidade. Sendo o segundo cabodano, malia os folgos de nie wieder estaren un pouco gastados decidiu que había que aproveitar para proxectar algún filme e pendurar un par de bandeiras. Quedamos en vernos alí.

Un par de horas antes de ir para a festa recibín unha chamada. A miña curmá, que estaba no Derby con ese comando de acción reivindicativa que conforma con miña nai e miña madriña, contábame que acababan de saír da manifa e que a Quintana estaba a reverter.
-Moi ben, non pensamos que fose haber tanta xente -comenta. Por certo, que xa dixeron tamén que tedes un acto aí en Berlín.

-Eh...? Ai si; temos, temos.

Un nunca se afai á celebridade. ;-)

11 comentários:

Dot disse...

Impresionante.
Parabéns.

Cesare disse...

Moi impresionante
Como se pode mercar un tixir?

Cesare disse...

soliparty rachada?

estouno flipando

Cesare disse...

-Moi ben, non pensamos que fose haber tanta xente -comenta.Sensación xeneralizada. Práceme, práceme.

Plattdorf disse...

os tixires foron unha edición limitada. non sei se haberá posiblidade de facer outros poucos... :-)

Cesare disse...

Espero que si a haxa e me garde algunha.
Non vaia pensar que desatendo ese plural: eu eviteino, porque non sabía se empregar un morfema ou outro.

Plattdorf disse...

por certo que a soliparty rachada do primeiro cabodano foi unha auténtica pasada. non sei como tanta xente se deu xuntado. apareceu un fulano con quen, segundo el, compartín militancia no mesmo grupo ecoloxista cando eramos minúsculos; eu non me lembraba del en absoluto.
eses días andaba carlos blanco por berlín e leveino tamén á festa. disque moito lle gustou a performance.
foi xenial.

Plattdorf disse...

en cambio, houbo unha soliparty anterior que me veu fatal. resulta que decidiron a data nunha reunión en que eu non estaba e puxérona o 28.06.03, ou sexa, o día da primeira mani do orgullo que eu pasaba en berlín.

cagueime en todo, pero despois de andar bebendo absolutamente todo o día pola rúa (como fai todo o mundo) e de participar no desfile oficial e na manifa alternativa, fun para alá ás once da noite, ante a completa incomprensión dos coleguitas que fixera. os de NM aínda estaban cos ultimos preparativos e tocoume pendurar do teito aproximadamente dous millóns de barquiños de papel pendurados de fíos de coser. coa borracheira enredábanseme os fíos na man e foi todo moi entrañábel.

willy disse...

eu querría unha camiseta nie wieder coma a que se ve na foto ¿como se fai para mercar unha?

Plattdorf disse...

bufff, é que non sei, terei que consultalo.

vai haber que facer unha tirada especial. :-))

willy disse...

ben; cando esté na rúa esa edición especial prégolle que de aviso no seu blog