22.11.04

(in)flexión

Parece que esta primeira nevad(iñ)a do ano marcou un xiro na miña rutina.

Onte, ao erguerme da cama e mirar pola fiestra, o brillo dos tellados fíxome coller os lentes para cerciorarme de que aquilo era neve. Ao abrilos, unha das patas quedoume na man, rota. Como non teño outros, durante o próximo mes toca usar lentes de contactos o día enteiro...

Até o 12 de decembro, unha serie ininterrompida de visitas vaime ter especialmente ocupado. A primeira está provocada polo traballo: desde onte teño a Alba Nogueira de convidada en Berlín. Tento ser un bo anfitrión e recollela no aeroporto, coma con todas as visitas. Chego a tempo, convencido de que a recoñecerei aínda que só sexa pola foto de Vieiros, pero por algunha razón non a vexo saír e cando a chamo xa vai nun bus camiño do centro. Así que collo o bus seguinte e pouco despois de ler unha SMS desquiciada de (m)alicia sobre un encontro con cesare, contra e c., reúnome finalmente coa hóspede, con quen falo cinco minutos na recepción do hotel antes de que suba a deitarse. Hoxe un par de visitas turísticas a Hackescher Markt, a sinagoga e Tacheles, e un Milchkaffee no Kunst-Werke. Mañá choio.

Desde mañá, ademais, vou estar declinando tres horas ao día, catro días á semana. Comeza o curso de alemán do semestre. Cal será desta vez a ratio españois/turcos? Serei quen de seguir flexionando esta lingua inflexíbel?

Darei comezado dunha vez coas flexións?

1 comentário:

Cesare disse...

E se proba con estas flexións? Seguramente lle vaian ben ao alemán e ao bandullo (se non amarra cun tuga e acaba inchando a bacallau nunha tacheles calquera).