22.11.04

nada permanece

Onte, indo de mañá no bus, tiven un pensamento desacougante cando me lembrei da miña avoa, talmente coma unha premonición. E efectivamente: á noite, miña nai chamoume para contarme que a avoa estaba ingresada no hospital, e que quizais non volva para a casa até o luns.

Telefono ao seu cuarto do hospital e póñenme con ela. Trato de reprimir as bágoas mentres ela chora da emoción e me pregunta cando me vai ver para me abrazar; acabamos os dous chorando.

Polo visto non é nada grave, só un deses sustos que se deben unicamente ao deterioro progresivo e natural das persoas. iso? En realidade é iso mesmo o que os fai máis terríbeis e desoladores. Ela non ten nada grave; é que é vella.

O parte médico non acaba aí. Miña nai, tronzada polo catarro; a meu pai, de baixa desde hai tres semanas, os médicos non lle acertan coa causa das dores que ten no pulso.

Xa digo, polo visto non é grave. Pero o que si é certo é que cada un destes episodios certifica como unha verdade absoluta que de aquí para diante é só esperar a que todo acabe. Tamén eu.

Mentres tanto, estarrezo coa responsabilidade que se me aveciña.

2 comentários:

Cesare disse...

joer

Cesare disse...

Estou convencido de que eses sonos teñen unha explicación. Son tan tan frecuentes esas coincidencias... pero non acredito nas premonicións. Quizais só un cariño astral que lle quixeches mandar ata aló, porque nalgunha das outras dimensións sabías o que estaba pasando. Quizais foi unha dimensión dela a quen veu falar contigo porque estaba soa.
Peke é quen sabe de soños. Pregúntelle.
Ourensanada: dígalle que vai da miña parte.