E domingo..., domingo tamén fun á misa.
En Berlín non hai casa de Galiza. Por non haber, case non hai galegos, que xa se pode crer. Cando cheguei faláronme dunha
misión católica española en que se reunían algúns emigrantes españois, pero esa sucesión de tres palabras en cursiva conseguiu que me mantivese ben arredado.
Pero despois de saír de Eurovisión e antes de emborracharnos, Pedro díxome que ao outro día había unha actuación dun grupo peruano na misión. E comida. E un grupo folclórico galego.
Heink!?!?!
Domingo. Resaca. 13:00h. Chegamos, observo o nome completo
Misión católica de lengua española, rodeamos a igrexa, entramos no xardín e hai dous centos de persoas, fundamentalmente sudamericanos, sentadas en mesas pola herba, comendo e escoitando o merengue que sae dos altofalantes. Dou unha volta e pola parte de atrás da casa vexo unha señora con cara de boa persoa, potaxando diante dunhas paellas con abnegación absoluta mentres o resto da xente se relaxa e goza da festa. Lémbrome de miña nai, miña madriña e outros personaxes polo estilo traballando coma burras na asociación de veciños, na comisión de festas, etc, etc., e non teño dúbidas. Pregúntolle directamente:
-Señora, vostede é galega?
-Son, filliño, son. E trátame de ti que aquí todos somos paisanos.
-É que eu quería falar contigo cun pouco de calma, pero será mellor máis tarde, non?
-Ai, mira, sentade por aí que eu teño que atender a isto.
Estou flipando. En realidade xa a coñezo. Chámase María e vina unha vez nunha reportaxe de emigrantes exitosos e morriñosos do programa da Cacharra. Leva trinta anos vivindo en Berlín. Pedro dime "
es Cándida!!!!", e non sei se rir, se chorar.
E de alí a un pouco comeza a actuación do grupo folclórico. Ante a expectación de decenas de peruanos, dominicanos e un italiano que traballa na cantina do meu traballo, aparecen tres mulleres -María entre elas- equipadas con dengues, xustillos, refaixos e cofias e mais un home con faixa verde e pompóns encarnados nas polainas. "Es la moda de los años 70!!", dígolle a Pedro. "Claro, la época en que llegaron a Berlín", contéstame. Primeiro penso que Pedro non entende o que lle quero dicir, pero en realidade ten razón. Toda.
Polos altofalantes comeza a soar un pandeiro e inmediatamente as voces d'
A Roda:
Fun á taberna do meu compadre, fun polo vento e vin polo aire, ailalalá lalalá... Estou moi perto do colapso. Os peruanos seguen expectantes e a min a cabeza vaime tan rápido que non podo pensar con claridade, así que decido relaxarme e sacar
fotos e vídeos co móbil. María baila a muiñeira que dá xenio vela -por usar a terminoloxía propia do ámbito que nos ocupa-, ao contrario do que o meu escepticismo me levara a pensar, e eu flipo pensando que levo tres anos en Berlín e nunca pensei que acabaría explicándolle a Pedro que significa iso de
e pousa, pousa, pousa...Pero a apoteose aínda está por chegar. Dúas pezas despois as mulleres tiran os dengues, descálzanse e abáixanse para recoller a saia por un lado, prendéndoa na cintura.
Unha delas senta no chan coas pernas a un lado. "Oye, esa por qué se tira al suelo?", pregunta Pedro.
Non pode ser, non pode ser, penso... Pero si, o home reaparece no palco cunhas patelas que lles vai repartindo e a
Danza das Patelas florece no seu máximo esplendor
kitsch. Sinto un delirio que non podo compartir con ninguén en 700 quilómetros á redonda e trago a frustración facendo máis e máis
fotos, esperando que Pedro non pense que toleei.
Acaba a actuación. Recollen rapidamente todo o atrezzo porque xa están esperando para subir os tres
adolescentes sudamericanos do grupo amateur de reggaeton. As adolescentes que van con eles ao instituto achéganse nerviosas ao palco para velos mellor e María pasa polo medio delas coa patela na man.
Estou en estado de shock.