let the beat control your body
Pois ben. Todo comezou para min hai un par de anos, cando lles ouvín dicir aos PSB que a xente nova xa non escoitaba música de baile. No Festigal dese mesmo ano vinme rodeado de preadolescentes que coreaban todas as letras dos hiphopeiros convidados. Cando lle preguntei a un primo quince anos máis novo ca min o que escoitaba no seu reprodutor de CD e obtiven SFDK como resposta, o asunto foise perfilando máis.
Agora, as prácticas de mecanografía da señora Dot acaban de pór en palabras o meu tránsito a outra era.
Porque si, aínda que o Hip Hop nunca chegou a desaparecer -os skaters eran os guais do meu instituto, que por alá heavies xa non quedaban-, este renacer ata nas súas manifestacións máis primixenias -break dance incluído- é algo que me resulta un pouco alleo, á parte de parecerme involucionista (non hai nada máis antigo ca un grafiteiro).
Pero iso si, puntualicemos: malia non estar nada de acordo con cualificar de dance toda a electrónica dos 90 -non vou mesturar Grooverider ou Aphex Twin con 2Unlimited ou Gala...-, é precisamente aí onde me inclúo, e non en toda a banda de engreídos poppies, grunges e guitarreiros varios. Et j'en suis fier, por moita incomprensión e chanzas que sufrise por parte de quen confundía unha forma de ocio e evasión -como son as noites de baile- con papanatismo. Desde as cassettes de Technotronic (descúlpenmme, a puberdade é dura e tiña que fuxir de tanto Milladoiro) e os acid smilies, pasando polos plans dos 18 anos de irse vivir a Londres con Davichini para nunca máis saír de Ministry of Sound e as primeiras pirulas en glamurosos clubs da Laracha, ata entrar no Tresor de Berlín, a "música desa de ordenador" foi unha parte fundamental da miña banda sonora vital.
Reproduzo agúns anacos do texto traducido pola señora Dot:
"Hoxe en día, a xente escribe libros e fai filmes sobre como os 90 eran o dominio exclusivo do Britpop baseado nas guitarras. Pero durante exactamente o mesmo período, os clubs, as drogas e a música house eran tan importantes que todo o mundo concordaba que cambiaran os hábitos de lacer da xuventude británica para sempre."
"Os Blur e os Oasis pode que estiveran no cumio pero eu, como o resto da xente que traballaba na revista, tiñamos claro que serían unha moda pasaxeira. Quen querería escoitar a alguén imitando aos Beatles e aos Kinks cando había xente como os The Orb, Underworld, os Aphex Twin e os Chemical Brothers chegando ao top10 con álbumes que non tiñan medo a rachar os convencionalismos sonoros?"
"A retrospectiva que facía o britpop facíao atractivo cara varias xeracións –aos papás tamén lles gustaba Oasis- pero a música de baile tiña aquel atractivo de separar radicalmente aos pais dos fillos como xa o fixera o punk e a psicodélia: os xornais non paraban de falar dunha epidemia de drogas, aprobábase lexislación para atallala, incluida a criminal justice bill que estipulaba sancións contra a "música composta primordialmente de ritmos repetitivos". Incluso propiciou a súa propia estética como pasara cos mods: a mediados dos 90 o Mixmag tiña o seu propio director de moda."
"Para calquera con 16 anos a disxuntiva está clara: ou te vistes como un rapeiro ou coma un dos Strokes e quizais teñas sorte de ligar, ou te vistes coma un parvo e vas bailar."
Pois ben, non digo nada da xente de 16, pero a respecto dos meus coetáneos direi que nunca aturei Oasis, nin Blur nin ninguén que cantase dobrando o lombo a máis dun metro do micrófono: póñenme frenético. E talvez esta fose unha boa ocasión para pillar certo poema de Ferrín e parafrasealo revirándoo, pero non teño Estirpe a man e a memoria non me dá para tanto.
Será que me pasei coas pirulas?
8 comentários:
a ver, que eu non tomei diso
"sodes de pastaflora, indipops"
"viñestes das camadas medias e opulentas de galicia
a predicar o sarcasmo"
ou
"sodes aqueloutrados e simpáticos chicos
que non cadran coas cíes"
?
ningunha das anteriores, seguramente, pero agora só lembro o máis cargado de bombo, claro.
(m)alicia
Oh, Technotronic. A min sempre me pareceu que 'Rockin' over the Beat' é pura poesía (grazas a que non lle entendo a letra, claro), pero descubrir que foi feita en 1989 nun cuarto suburbano de Bruxelas e cantada por unha tal Manuela, é todo o que preciso saber, ;)
PS (M)Alicia, interesáronme os seus comentarios, aínda que os atopo un tanto crípticos: Insinúan que só bailan (ou escoitan música 'electrónica') as clases acomodadas?. Non o creo, verdade?.
desculpas, señora dot. en realidade os comentarios non son meus, son o que a miña memoria garda dun poema de ferrín, "Jerry Lee Lewis" ao que plattdorf fai referencia. é un poema contra os mods, quizais tamén contra siniestro. malpocadamente, que diría cesare, xa non teño o suficiente contacto con camadas non opulentas (intelectualmente. os cartiños neste país son outra cousa) para saber o que bailan.
estaba seguro de que podía contar con (m)alicia, que sabía exactamente a que parte de Estirpe me refería eu. E si (m)alicia, esa era máis ou menos a orientación que lle quería dar á paráfrase. coñéceme vostede coma se me parise.
Sra. Dot: non, en todo caso, eu asocio o indie pop ás camadas opulentas e en xeral algo máis formadas. De feito esa parte de "viñestes das camadas medias e opulentas de galicia a predicar o sarcasmo" paréceme gloriosa; eu lembrar non me lembraba ben do poema, pero sabía o moito que viña ao caso.
a respecto de Manuela e Technotronic, moito lle debemos aos países do Benelux nesa época. Sobre todo porque as cantantes tiñan uns nomes do máis asequíbel. Onte, mentres procuraba algunha ligazón para o post, vin que hai un web que anda recollendo sinaturas para que volva Anita, a cantante orixinal de 2Unlimited. Case me saltan as bágoas.
Aínda me hei animar a montar o club de fans de Ray, o cantante, que mira que me poñía a min...
ah, e a respecto do que di (m)alicia sobre o que bailan determinadas camadas, eu teño unha idea sobre quen vai ao Playa Club e quen a Zeus ou a Octopus, pero tampouco se hai que poñer tan estupendo; cada un que faga como vexa.
Ufff
Teño por certo un deses discos antigos seus en Lola.
por certo, again, a Lola rompéronlle un vidro pra apañarlle un par de tólares que había ciscados nela. :)
Ahá, sabíao. Levaba semanas pensando en escribirlle para que me tivese boa conta dese disco, que ten moito valor sentimental para min. Coidadiño, bitte.
Enviar um comentário