Volkspalast
Despois da caída do Muro descubriuse que o Palast estaba enfermísimo de asbestose: decidiuse que había que tirar con el, non sen antes retirarlle as partes contaminadas. Comezou así un proceso de cirurxía que o levou de ser o escenario perfecto dun filme de James Bond a quedar nos ósos. A demolición está prevista para o 2005.
Non sei se o feito de ser unha lembranza do pasado comunista ten algo que ver con isto último, pero o certo é que hai unha forte controversia sobre o destino do Palast. Por unha parte, hai un grupo de repunantes irredentos que insiste na reconstrución do antigo palacio real, o Berliner Schloss. Fronte a eles, hai quen defende a rehabilitación do Volkspalast como espazo cultural, etc. Para demostrar a viabilidade do proxecto, estiveron organizando actividades no seu interior desde o 20 de agosto ata onte, 9 de novembro, aniversario -entre outras cousas, coma a noite dos cristais rotos- da caída do muro.
O sábado pasado estiven alí nunha sesión descentralizada do WMF Club, o domingo nunha proxección de filmes propagandísticos da RDA e onte, máxico fin de festa, nunha especie de sesión pirotécnica titulada Supernova en que os efectos facían pensar na reconstrución do Palast, disque. Como ia con Maria João e con Sérgio, cheguei un chisco tarde, así que non puiden apreciar tanto...
Á parte do web oficial das actividades, hai algo así coma un fotoblog de como se foi desenvolvendo este uso cultural, Gruß Marcella. Nel pódense ver fotos de varios momentos: Supernova está curiosamente no día 11 de novembro (non sei por que). No día 8-11 hai unha foto moi boa dos documentarios propagandísticos, con Sigmund Jähn, que era o astronauta estrela da DDR (sae en Good Bye, Lenin), no momento de subir á Soyuz co seu colega Valeri, o ruso.
A máis pavera de todas é unha montaxe algo trapalleira (día 10 de setembro) en que aparece escrito "Voadura do Palacio da República"; o que se ve é como salta polo aire a cúpula da Catedral, que está alí a carón.
Xa comezou o frío en Berlín, e hai moito tempo que o Volkspalast deixou de ter calefacción. Como lembranza destes últimos días quédame a imaxe de estarmos bailando ás catro da mañá na zona lounge, cubertos cunhas mantas que puxeran alí para que o público non ficase teso. E beber no bar o primeiro Glühwein do inverno.
7 comentários:
...e non vai polo Weihnachtsmarkt? Cóntenos, cóntenos ;-)
Gracias polos links
Qué bonito era o Palacio da República por dentro.
Os Weihnachtmärkte aínda os están montando. Pero descoide que non hei faltar. Iso de emborracharse na rúa ás seis da tarde con viño quente e salchichas con verzas non hai cartiños que o paguen... :-DDD
Estou indignado, vostede o sabe, contra os irredentos da memoria prusiana. O edificio do pazo da república, que integraba parlamento e discoteca nun mesmo local é tan incribelmente fermoso... de feito é o máis fermoso dos 6 carretes que botei na viaxe.
precisión: creo que non é asbestose. a asbestose, creo, afecta os humanos e ten que ver co amianto. creo que ese fermoso edificio ten aluminose. en todo caso, que o derruben e o volvan facer tal cal: unha macrodiscoteca con espacio social e parlamentar. Algo así como o maricastaña, vaia.
Engado. quen é Sérgio?
Sérgio é fillo de emigrantes portugueses e vive na mesma rúa ca Prisciliana, en Trier. Este verán andou por Compostela facendo un curso de español -(m)alicia até lle deu pousada os primeiros días- e a noite previa ás eleccións USA coincidimos na entrada dunha festa anti-Bush, porque o rapaz estivo en Berlín este último mes facendo unhas prácticas no Bundestag. A tal hora xa se foi de volta para a cidade do Mosela. Algunha outra dúbida?
Ao demais direille que, dicindo as cousas con esa vehemencia, debe de ter vostede a razón toda. Por forza. :-)
Claro que teño algunha dúbida máis. Que pensaba?
Enviar um comentário