10.11.04

Volkspalast


O Palast der Republik (ou Volkspalast) -na foto, nos seus tempos- é o edificio que acolleu o parlamento da RDA. Foi construído nos setenta sobre o terreo do antigo Palacio Real, que fora duramente bombardeado, pero resistira en ruínas o paso da II Guerra Mundial. Como os dirixentes da Deutsche Demokratische Republik decidiron que aquelas pedras eran lembranza do pasado imperial prusiano, tiraron con todo o que ficara en pé e fixeron o Palacio da República.

Despois da caída do Muro descubriuse que o Palast estaba enfermísimo de asbestose: decidiuse que había que tirar con el, non sen antes retirarlle as partes contaminadas. Comezou así un proceso de cirurxía que o levou de ser o escenario perfecto dun filme de James Bond a quedar nos ósos. A demolición está prevista para o 2005.

Non sei se o feito de ser unha lembranza do pasado comunista ten algo que ver con isto último, pero o certo é que hai unha forte controversia sobre o destino do Palast. Por unha parte, hai un grupo de repunantes irredentos que insiste na reconstrución do antigo palacio real, o Berliner Schloss. Fronte a eles, hai quen defende a rehabilitación do Volkspalast como espazo cultural, etc. Para demostrar a viabilidade do proxecto, estiveron organizando actividades no seu interior desde o 20 de agosto ata onte, 9 de novembro, aniversario -entre outras cousas, coma a noite dos cristais rotos- da caída do muro.

O sábado pasado estiven alí nunha sesión descentralizada do WMF Club, o domingo nunha proxección de filmes propagandísticos da RDA e onte, máxico fin de festa, nunha especie de sesión pirotécnica titulada Supernova en que os efectos facían pensar na reconstrución do Palast, disque. Como ia con Maria João e con Sérgio, cheguei un chisco tarde, así que non puiden apreciar tanto...

Á parte do web oficial das actividades, hai algo así coma un fotoblog de como se foi desenvolvendo este uso cultural, Gruß Marcella. Nel pódense ver fotos de varios momentos: Supernova está curiosamente no día 11 de novembro (non sei por que). No día 8-11 hai unha foto moi boa dos documentarios propagandísticos, con Sigmund Jähn, que era o astronauta estrela da DDR (sae en Good Bye, Lenin), no momento de subir á Soyuz co seu colega Valeri, o ruso.

A máis pavera de todas é unha montaxe algo trapalleira (día 10 de setembro) en que aparece escrito "Voadura do Palacio da República"; o que se ve é como salta polo aire a cúpula da Catedral, que está alí a carón.

Xa comezou o frío en Berlín, e hai moito tempo que o Volkspalast deixou de ter calefacción. Como lembranza destes últimos días quédame a imaxe de estarmos bailando ás catro da mañá na zona lounge, cubertos cunhas mantas que puxeran alí para que o público non ficase teso. E beber no bar o primeiro Glühwein do inverno.

7 comentários:

opaco disse...

...e non vai polo Weihnachtsmarkt? Cóntenos, cóntenos ;-)
Gracias polos links

Dot disse...

Qué bonito era o Palacio da República por dentro.

Plattdorf disse...

Os Weihnachtmärkte aínda os están montando. Pero descoide que non hei faltar. Iso de emborracharse na rúa ás seis da tarde con viño quente e salchichas con verzas non hai cartiños que o paguen... :-DDD

Cesare disse...

Estou indignado, vostede o sabe, contra os irredentos da memoria prusiana. O edificio do pazo da república, que integraba parlamento e discoteca nun mesmo local é tan incribelmente fermoso... de feito é o máis fermoso dos 6 carretes que botei na viaxe.
precisión: creo que non é asbestose. a asbestose, creo, afecta os humanos e ten que ver co amianto. creo que ese fermoso edificio ten aluminose. en todo caso, que o derruben e o volvan facer tal cal: unha macrodiscoteca con espacio social e parlamentar. Algo así como o maricastaña, vaia.

Cesare disse...

Engado. quen é Sérgio?

Plattdorf disse...

Sérgio é fillo de emigrantes portugueses e vive na mesma rúa ca Prisciliana, en Trier. Este verán andou por Compostela facendo un curso de español -(m)alicia até lle deu pousada os primeiros días- e a noite previa ás eleccións USA coincidimos na entrada dunha festa anti-Bush, porque o rapaz estivo en Berlín este último mes facendo unhas prácticas no Bundestag. A tal hora xa se foi de volta para a cidade do Mosela. Algunha outra dúbida?

Ao demais direille que, dicindo as cousas con esa vehemencia, debe de ter vostede a razón toda. Por forza. :-)

Cesare disse...

Claro que teño algunha dúbida máis. Que pensaba?