...e bonito por natureza

A sorpresa chegou o mesmo día que voltei. Día catro de xaneiro: A Coruña, 13 ou 14 ºC. Madrid, unha hora despois: "señores pasajeros, en breves momentos aterrizaremos en el aeropuerto de Madrid-Barajas, la temperatura es de 2 ºC". Brrr! Berlín, sete horas despois: "señores pasajeros, en breves momentos aterrizaremos en el aeropuerto de Tegel, donde la temperatura es de 8 ºC". "Bajo cero", esperei que dixese, pero deixou a cousa así. 8ºC positivos!?!?!
Aínda lembro a aterraxe en Berlín tras o meu primeiro Nadal de emigrante. Noite pechada ás cinco da tarde e todo cuberto de neve. Ía ollando desde a xanela do avión mentres nos achegabamos á terminal, xusto despois de pousarnos en terra. O vento dos propulsores dos outros avións erguía cristaliños de xeo do chan e lanzábaos ao aire, facéndoos brillar uns segundos mentres eran alcanzados pola luz dos potentísimos focos do aeroporto; despois perdíanse na escuridade. Pouco tempo despois chegaban as noites de vinte graos baixo cero.
Agora, pola contra, a incredulidade crece día a día: para mañá espéranse máximas de 14ºC (!!) e non se enxergan sinais de remisión deste inverno tropical.
De que proezas polares vou fardar este ano?
2 comentários:
Pois por aí falan xa de catorce mortos por causa do frío no norte de europa.
Seguro que vostede está en berlín?
Iso foi no Mar do Norte. Aquí só chegou un pouco vento do sur que nos mantén os pés quentes.
Enviar um comentário