enchentes

Achégome ao Aquí España, unha tenda dun portugués (...) que ten cousas de por aí abaixo. Collo un quilo de garavanzos, compro un bolo-rei e, sorpresa!, Tartas Ancano fai chegar a Berlín as súas tartas de Santiago!! Despois vou ao supermercado para facerme cunhas coxas de polo, patacas e algo bastante parecido a un repolo.
Por suposto que aquí non podemos conseguir carne salgada de porco, e non falemos do prezo que pode ter o xarrete de vitela, así que todo queda nun pseudo-cocido de post-Reis con pouca traza e menos xeito. De todos os xeitos, Maria João pon a cocer un pouco do touciño, do raxo curado e das chourizas que fai a súa avoa na aldea, perto de Viseu, e cando metemos o repolo e mais as patacas na pota, o cheiriño característico do cocido invade a casa.
Tanto para ela como para min é o primeiro cocido que facemos e rímonos pensando no impulso patriótico-gastronómico que lle entra a un na emigración. Algunha das convidadas, do Porto, mesmo confesa que nunca comera sardiñas até chegar a Alemaña. Hai un par de anos eu tamén fixen en Berlín as miñas primeiras filloas.
2 comentários:
Ao final, con isto da morriña, vai acabar facendo de Aquí España o seu local social...
Espabile!! Con tantas gorentosidades turcas pró padal, que demos fai comendo touciño? Xa lle sobrará o tempo de andar a lacoadas.
Cesare, meu rei:
como comida turca día si e día non, fagha ou non fagha falta. Agora que xa superei a fase de fascinación polo cus-cus, que teño o meu propio xogo de palillos chineses e que uso máis o mollo de soia ca o de tomate, supoño que gañei o dereito a facer un post sobre o primeiro cocido que fago na miña vida.
Ou?
Enviar um comentário