28.1.05

kalte Ruhe

Bota o día enteiro nevando mansamente, sen vento, a cinco baixo cero. Xa é noite cando saio do traballo para o metro, ás seis e media, e camiño eu só sobre quince centímetros de neve nova, pousada sobre capas e capas de xeo prensado de nevaradas anteriores. Sinto de novo o pracer de tripar neve en pó, de sentir como renxe cando a esmago a cada paso. As quitaneves aínda non pasaron por esta zona da cidade onde traballo, un barrio residencial de estilo americano con casas de xardín dianteiro e árbores grandes nos paseos. A esta hora xa non neva e todo é calma e silencio, só roto ritmicamente pola pa que usa un rapaz alto e loiro de 17 anos ao retirar a neve diante do seu xardín: tarefa para adolescentes. Cando teño que pasar por onde el limpa non sei moi ben como comportarme: teño a impresión de que pasar por ese treito do paseo é coma pisar o chan mollado, acabado de fregar. Dubido se baixar ao asfalto; o rapaz para, óllame e sorrí, dándome paso. Arf. Os automóbiles circulan devagariño e polo carril bici adiántanme un par de bicicletas que aran candanseu rego branco.

Chego á parada, ao aire libre. Bato con forza cos pés no chan para sacudir a neve das solas, tal como aprendín o primeiro ano. Conxélaseme o nariz.

1 comentário:

Plattdorf disse...

Pois se ten saudades da neve, Boss, eu teño a solución perfecta: veña a Berlín. Así líbrase de toda esa vaga de galegos que estan a facer plans para pasar o entroido no Porto...
;-)