9.1.05

Mec, mec!!

En Sylvester, a noite do 31 de decembro, os berlineses dedícanse a saír á rúa e tirar foguetes sen parar, algo así como a noite de San Xoán en Barcelona. O día que cheguei fixen unha primeira rolda de recoñecemento pola casa e saín ao balcón para verificar que non houbera inundacións nin outras desgrazas similares. A pesar de vivir nun terceiro andar, no chan topei tres foguetes completamente mollados e supoño que inofensivos; por se acaso preferín deixalos fóra toda a noite. Á mañá seguinte descubrín que a tres metros do balcón, enredado nas pólas dunha árbore, había outro foguete de estilo máis espacial, talmente da marca ACME.

Agora ando preocupado: non sei se o foguete xa estouparía e estou fóra de perigo ou se nos próximos días vou ser vítima dunha das aliborias do Coiote.

2 comentários:

Cesare disse...

Aliborias, que linda palabra...
Ocórrenseme algúns retruques sobre os foguetes próximos, pero vou calar... non pensou vostede na posibilidade de que sexan como as borras do café ou as entrañas das ocas?

Plattdorf disse...

Ou sexa, coma as témporas, quer dicir vostede?
Interesante idea..., pero espero que non se corresponda coa realidade. É bastante probábel que pase xaneiro a pau seco, e non quero pensar que iso signifique un 2005 de sequía absoluta. Ah!, e eu non me conformo con foguetes: eu o que quero son lóstregos (de Brest).

:-P