7.1.05

Eficiencia vs. pracer

Xa sei, xa sei que o sistema aeroportuario galego non é o culmen da eficiencia, son plenamente consciente. Pero amigos, ninguén pode negar o enorme pracer para a vista que é chegar ou partir de Alvedro. Nas aterraxes procuro sentar nunha xanela da dereita, e desde Ferrol vou recoñecendo toda a xeografía do Golfo Ártabro en tres brevísimos minutos: o Prior, Ares, a Marola, Dexo, Seixo Branco, a Torre de Hércules coas Sisargas ao lonxe, o faro de Mera, Canide, Breixo, o castelo de Santa Cruz, o tellado da miña casa!, a praia de Bastiagueiro, a praia de Santa Cristina, a ría do Burgo e pum, as rodas na pista.

Normalmente as nubes impiden unha panorámica máis xeral e só se pode contemplar todo isto cando o avión xa -ou aínda- voa moi baixo. Pero este catro de xaneiro o ceo estaba limpísimo e azulísimo, así que non puiden tirar os ollos da paisaxe durante moito tempo.

Grandioso. Nunca puidera ver exactamente ao mesmo tempo todas estas cousas: o porto da Coruña, a península de Oleiros e Sada, Betanzos, Ferrol, a central térmica das Pontes, Oza dos Ríos co seu paso elevado do tren, a serra do Xistral e lonxe, pero recoñecíbeis, os cumes nevados das montañas cantábricas, xa en Asturias. Impresionante, e todo ao mesmo tempo, só con saír o avión. Eu ía do lado do norte, non quero imaxinar até onde se podería ver polo sur.

Seguín atento, pero non fun capaz de recoñecer nada novo até que chegaron os Ancares, que se vían coma uns xoguetes ante a proximidade das montañas de Asturias. Polos viadutos da autovía encontrei Pedrafita e un chisquiño máis adiante apareceu o Bierzo como unha poza redondiña e branca entre montes: a néboa non se levantara aínda do val, e daba gana de soprarlle coma á tona do leite para poder encontrar Vilafranca, Ponferrada. Despois da Maragatería, a chaira de Castela, sempre cos picos nevados do cantábrico ao norte e, pouco a pouco, tamén coas neves do Sistema Ibérico ao leste. Do outro lado diso está Aragón, e o Mediterráneo, pensaba eu, e non había vinte minutos que estivera vendo a ría da Coruña.

Que pracer, meus.

P.S.: de acordo: a meteoroloxía, xunto coa xeografía, son dous praceres ocultos que dan conta do meu absoluto friquismo.

6 comentários:

ascárida disse...

Eu tamén sento sempre do lado norte, comparto esa afición por pegar á cara ó cristal e recoñecer a xeografía.

Dot disse...

Qué pracer descubrir que hai xente á que lle apaixona recoñecer a xeografía. Eu non acostumo andar moito tan arriba, pero en canto poido súbome a un curuto e póñome a ordear o territorio (o mental meu, e o dos demais se fai falta).

Ah, Plattdorf, ten que saber que onte o estivemos a ler nun pub ás 2:30am a Dagha, o Cesare, o Henry e máis eu, ávidos por ter noticias súas. ;)

Anónimo disse...

estás feito um Nils Holgersson!

Sub. H.

Plattdorf disse...

Encántame non saberme só no meu friquismo.

Haise que deitar máis cedo, en xeral.

Non me acabo de ver dacabalo dun paxaro, francamente.

Prepárense para cando toque meteoroloxía: vai ser infumábel.

;)

Cesare disse...

Confirmo a lectura no ordena do pub (o seu blo foi o único que lemos).
Moi bonito o post, pero por favor, que cerren alvedro e peinador dunha vez.

Plattdorf disse...

Estou emocionado con esa lectura colectiva. Tamén me chegaron noticias dela por un SMS de Dagha.
Snif.