Gai... de provincias
Nas viaxes entre A Coruña e Berlín normalmente teño que pasar unhas horas nos aeroportos de Barajas ou El Prat. Cando toca Barcelona, non hai dúbida: chamo os colegas para irmos xantar, visito algún ex-amante, lémbrome doutros... E sigo flipando coa cidade. Por razóns variadas, sempre tiven máis contacto coa Rambla que coa Puerta del Sol, e incluso estas Crónicas estiveron a punto de ser catalás e non prusianas.
Pero desta vez tocou Madrid. Só tres horas. Esta cidade coñézoa moito menos, e teño menos contactos, así que a solución foi ir dar unha volta rápida por Chueca, que xa o teño algo máis trillado, para botar unha ollada nalgunha libraría do gremio. Nestas chámame Cesare e pónseme a berrar por ir facer o que todas as maricas de provincias, con todo o que se pode facer en Madrid.
Carallo, que tiña tres horas en total, metro incluído! Se nin sequera tiña moi claro se ir ao centro ou ficar no aeroporto... E non me arrepinto da miña decisión, porque sempre me cadrara Madrid en fin de semana e desta volta dei entrado por primeira vez na tenda de Glam, con esa roupa de Fernando Cuevas que me tolea desde os 22 anos e da que só chegan catro cousas a Ulán Udé en Santiago e a One na Coruña. Mágoa non ter máis tempo, porque ía facer unha desfeita consumista.
De súpeto lémbrome de que teño que mercar Flanín, un -curioso- encargo dunha compañeira de traballo. Entro nunha tenda de chineses e pregúntolle á dona se teñen "polvo para hacer flan", ao que responde -puritito tópico- se o que quero é "azaflán". Xúroo.
Aproveitando que aínda estou no país telefónico, chamo a Dagha, que me fala de cartas astrais e bonitos encontros en Terranova. Probo tamén con Elfnoldo, pero como nos deitamos tan tarde aínda dorme.
Cando me decato, falta unha hora para o embarque e estou na rúa de Fuencarral. Estrés, estrés, Mar de Cristal, estrés, Campo de las Naciones, estrés, Aeropuerto, estrés, case non hai xente no control de metais e chego con tempo de sobra.
3 comentários:
Convídoo a uns vermús na Escondida o domingo que vostede queira. Incluso a Elfnoldo tamén, ;)
Ben... se hai que recoller o premio, creo que o podo coller eu, ;) jejej, aínda que non sexa tan guapo como Plattdorf.
E a ver se hai un voo baratiño berlín-porto pra daquela.
Pto. 1: isto de andar a crear falsas expectativas sobre o meu físico non me beneficia nadiña, nadiña.
Pto. 2: claro que quero ir ao convivio do Porto, por suposto. E xa protestei por esa data que me vai impedir asistir con toda probabilidade.
Pto. 3: teño que pedir inmensa desculpa por non ter aberto aínda esa conta de G-mail que gañei. Non é que non a queira, é que o mes de decembro foi tan estresante que non tiven tempo para nada. Aínda a podo recuperar?
Pto. 4: Cesare, afaste as súas suxas uñas dos meus trofeos. ;-P
Enviar um comentário