9.2.05

Chaplin en Helsinki?


Onte á tarde chegaba ao aeroporto de Tegel un visitante relacionado con asuntos de traballo. Funo recoller para acompañalo ao hotel, a cear, etc., e púxenme á espera na correspondente porta de saída. O avión traía un pouco de atraso, así que pasei un bo anaco apampado, ollando a pantalla xigante que dá información sobre aterraxes e, de paso, sobre as temperaturas do mundo. Non sei de que me queixo: en Ulan Bator, ás seis da tarde, estaban a -23ºC. Agora, mentres escribo, están a -39ºC e a máxima prevista para hoxe é de -24ºC.
Pola porta comezaron a saír os pasaxeiros procedentes de Helsinki, esbardallando palabras esdrúxulas. De alí a un pouco comezaron a saír pasaxeiros de Madrid, e polo medio, sen que eu puidese saber de onde viña, saíu Geraldine Chaplin. Ela soíña, pequeniña e aparentemente fráxil, abrindo un pouquiño os pés ao camiñar como esaxeraba seu pai. Non traía máis equipaxe ca o seu bolso, e sorriulle á parella contratada para ila recoller. Un berlinés áxil pediulle un autógrafo e permiso para tirarlle unha foto, así que ela púxose de frente, esperou paciente e sorriu outro pouco. Foise, cos seus zapatiños amarelos.

2 comentários:

Cesare disse...

jajajaj
este é un fermoso post do subxénero 'caza de famoso'. supoño que hai unha palabra inglesa que o define. Alguén a coñece?

Plattdorf disse...

Boh, se é pura blogorrea!!