7.2.05

San Valentín e Miguel de Lira

Pedro pasou o Nadal en Lima e alugoulle a súa casa durante ese tempo a un fulano que finalmente non lle pagou a renda e deixoulle unha factura de teléfono de 500€. Estiveramos facendo plans de ir a Riga ou a Tallinn este mes, porque cos prezos de Easyjet ir ao Báltico é máis barato ca quedar na casa, pero o pobre do rapaz non vai a ningures mentres non se recupere un pouco economicamente.

Xusto o día que recibía esta noticia, Fuegho comentábame que The Sobrados ían pasar en París a próxima fin de semana. Pois eu tamén, que raio. A viaxe saíume un pouco máis cara do que contaba porque, sen que ninguén se decatase, a fin de semana que vén é a do día de San Valentín; xa se sabe que Cupido en París lanza mellor as setas... En definitiva, entre a sexta e a terza feira estas crónicas han ser francianas e non prusianas. E a ver se desta vez fago un pouco de turismo de masas, que ultimamente sempre que vou a París o único que fago é emborracharme, e xa hai máis de catorce anos que non entro no Louvre.

O que me fode é que con esta viaxe vou perder a Miguel de Lira camiñando pola alfombra vermella do Berlinale Palast, na estrea de One day in Europe, ese filme que durante tanto tempo se chamou Galatasaray-Dépor e marcou o meu verán 2004: na rodaxe berlinesa estiven a piques de ser extra, como seareiro do Deportivo, porque en Berlín non había tanta xente que soubese falar galego (inxenuos...). Xa estiven consultando horarios e a única proxección que vou poder ver en Berlín é o domingo 20 ás 09:30h da mañá. Haberá que tomar moitos Referéndum Plus esa noite para aguantar esperto até semellante hora.

Ah, por certo, falando de todo un pouco: comeza a Berlinale.

Sem comentários: