21.2.05

dress code

A outra cousa que vin foi de Rosa von Praunheim, un director gai alemán ao que lle debo un post xa hai bastantes meses. O fulano non é que consiga facer grandes produtos, pero está cargado de boas intencións e a min gústame seguir o que fai.

Desta vez vin unha curtametraxe e unha longametraxe proxectadas na mesma sesión. A curta, Umsonst gelebt - Walter Schwarze, é o testemuño dun home que foi levado polos nazis a un campo de concentración por maricón. Estivo alí pasando calamidades espesas, entre as que se contan meter corpos nos fornos de incineración, e catro anos despois mandárono ás trincheiras, cando xa a guerra ía mal para Alemaña. Grazas a iso acabou nun campo de concentración ruso, despois de que o exército soviético o tomase como prisioneiro, e non puido voltar á casa até 1949.

A longametraxe é outro documentario chamado Männer Helden und Schwule Nazis e trata dos homosexuais presentes no mundo nazi, tanto na era hitleriana como no ambiente neonazi da actualidade. Moi interesante. No filme entrevístase a tres homosexuais vinculados dalgún xeito co mundo neonazi. Un deles descríbese como un skin oi! clásico e vólvome sorprender da complexidade do mundo skin. Outro deles é Bernd Ewald Althans (apupos cando a súa cara sae na pantalla), coñecido en Alemaña por estar vinculado durante anos ao movemento neonazi e acabar no cárcere por negar o holocausto durante unha visita a Auschwitz e lindezas polo estilo. En 1992 rompeu co radicalismo de dereita, parcialmente por "descubrir" a súa homosexualidade. No filme di que non se arrepinte de moitas das cousas que fixo naqueles anos, mentres aparece na festa do orgullo de Berlín repartindo flyers dunha sex-party con dress-code das que tanto abundan por aquí, con temática S/M, leather, skin, etc...

Cando acabou a proxección, o director subiu ao escenario para comentar algunhas cousas e responder preguntas. Cando lle preguntaron como convencera aos entrevistados para saír nun filme en que ían ser retratados negativamente, Rosa comentou que estaba vendo a Bernd Ewald Althans entre o público e que podía contestar el mesmo. Así que o fulano subiu ao escenario. E aí armouse: todo o mundo comezou a falar, moita xente ergueuse e saíu da sala protestando. Despois de que Althans dixese que o ambiente gai de Berlín tíñao marxinado polo seu pasado, cando el abandonara todo iso no ano 92, un espectador púxose a berrar coma un posuído: Isto é a fin da Berlinale!!!!!! Isto é a fin da Berlinale!!!!! Ese tipo acaba de dicir no filme que non se arrepentía e agora está falando neste escenario, isto é a fin da Berlinale!!!! Tivo que intervir o moderador para calmar un pouco os ánimos e eu aseguro que se me puxeron todos os pelos de punta polo tenso e macabro da situación. Ao final o fulano acabou baixando e sentando outra vez a carón do seu mozo, tamén rapado.

Ao día seguinte vino de novo á saída de Cycles of porn, e estou seguro de que eu xa lle vira a cara a este tipo máis dunha vez. Agora non sei se poderei seguir vendo coa mesma indiferenza o ambiente de determinadas sex-parties.

Supoño que debo.

2 comentários:

Cesare disse...

Que pasada!
E vostede preguntou algo? (antes do xou, claro).

Plattdorf disse...

Xa lle falei do meu desfase entre competencias pasivas e activas, non?
E falo do meu alemán, natürlich. :-P