7.4.06

faba na ola

Despois de recibir datos até a extenuación, de despedirnos de Benjamim, de ser raptados por unha mafia croata, de pasar moito sono e algo de fame, onte voltamos a Berlín.

Que nos recibe coma sempre.

E como estes dez días balcánicos foron demasiado e estou necesitando unhas vacacións das vacacións, mañá pola mañá collo outro avión. E penso aproveitar o meu vindeiro destino para facer as auténticas Crónicas Balcánicas.

Próxima paragem...?

3.4.06

kako Struga nema druga (ou algo...)

Escribo desde Skopje, unha das cidades mais deprimentes do mundo, cando acabo de comezar o regreso e na retina ainda tenho a beleza do lago de Ohrid, os cumes nevados de Galicica e a emocion infantil de chegar a fronteira de Albania. Tamen o feismo integral de Tetovo e Gostivar, as luces verdes das torres das mesquitas e as iconas das igrexas ortodoxas. E a alegria de recuperar a minha camara.
Por diante ainda quedan Belgrado, Sarajevo, Mostar e Split. E centos de quilometros en autobus. E milleiros de sorpresas.

2.4.06

don't you F.Y.R.O.M. me: call me by my name

Macedonia. Con certeza, o pais mais eurovisivo de todos.

Dous dias despois de chegar, tras atravesar todos os Balcans a bordo de autobuses estartelados nunha espiral de quilometros infinita, escribo desde a oficina dos voluntarios da Union Europea na cidade de Struga e xa podo dar unha descricion deste lugar en que Benjamim nos acolle.

Isto é coma Suiza, montañas nevadas e lago incluido, pero con mesquitas e plasticos no chan. Podo asegurar que nunca estiven nun sitio tan sorprendente. Despois de me roubaren a camara dixital nova, un ano despois de que me roubasen a anterior no Porto, vexome incapacitado para ilustrar graficamente esta afirmacion, pero nalgun momento ha de haber outros posts.

Polo de agora sigo no film de Kusturica.

28.3.06

o despropósito comezou cando pensei:

-debería mercar un mapa dos Balcáns...

Ao principio todo parecía moi fácil. Mjoão e mais eu iamos visitar a Benjamim en Struga e os voos baratos máis próximos deixábannos en Split. En liña recta non é tan lonxe e o traxecto é precioso, por Dubrovnik e toda a costa adriática de Dalmacia.

Pero claro, a liña recta atravesa precisamente Albania. E a liña aproximadamente recta que evita Albania atravesa Kosovo. E tal como nos avisou un indíxena que coñecemos estes días, mentres debuxaba con xesto teatral un grande X vermello sobre o mapa de Kosovo:

-Isto é un burato negro. O que entra non sae.

E como eu teño cita para depilación á volta e non podo faltar, ao final toca un rodeo de sete estalos: tren Podgorica-Užice-Niš-Skopje, 2000 horas pendurados dos Balcáns e múltiples acentos circunflexos do revés nos erres. Ou algo.

Que non sexa nada. E d'hoxe nun ano.

26.3.06

desxeo

As próximas semanas van ser un frenesí de múltiples viaxes con acompañantes diversos, noites en aeroportos, topónimos de resonancia bélica, visitantes na miña casa sen eu estar e dificultades organizativas innúmeras que tento solucionar ao longo do domingo.

Pola tarde fago un descanso para visitar a casa dos Rheinländer. Acólleme a pracidez dunha tarde familiar de domingo, con café e biscoito de mazá. Os nenos dos veciños andan por alí, e, aliados cos da casa, convéncenme para baixar aos soto e atarme alí cunha corda de cores á unha caixa de botellas de auga. Tortúranme un chisco e despois escapan de alí, mortos coa risa.

Todos concordamos en que hoxe é o primeiro día con temperaturas soportábeis. O outro día dicía unha humorista na tele que estes días comezara a primavera e que ían mudar a hora, fundamentalmente para que puidésemos botar unha hora máis no exterior gozando da neve. Hoxe aínda hai neve polo xardín, pero a choiva destes días xa a foi amolecendo e a cousa vai mellorando aos poucos.

Chegou o desxeo.

aparecidos

En Rio reaparece outra pantasma do pasado. Pero polo menos este non fala: saudámonos, correctos pero distantes, e el comeza a bailotear por alí arredor, arrastrando as cadeas polo chan.

Esta noite Berlín xa comeza a parecer un castelo escocés ou a rodaxe dun filme serie B que leve por título:

ESTADEA
A Santa Compaña nunca vén soa

rio

Acabamos a noite en Rio. O local responde a todos os tópicos. Entras por un patio escuro e no medio encontras un alboio que serve como entrada do local. A fila para entrar é grande e a xente aterece co frío. Un barbichas supercool fai a selección de entrada na porta do alboio.

Todos os grupos de xente que nos preceden na fila son rexeitados por non estar na lista de convidados. Chega a nosa vez.

-Cantos sodes?

-Somos catro.

-Estades na lista de convidados?

Por algunha razón, sen poñernos previamente de acordo, trazamos unha estratexia(?) e pasamos a falarlle en inglés(??).

-Como? Que hai unha lista? Non sei, pero a nosa amiga Laura convidounos para vir e ela está aí dentro.

O tipo da porta, nós e os que veñen detrás de nós, conscientes de que nin hai lista, nin hai Laura, nin hai convite, escenificamos o sainete con precisión. O porteiro é todo un profesional nisto.

-Esperade un momento -besbella con cara de enfastiado, mentres aparta as cortinas da entrada e bota unha ollada para dentro.

-Un, dous, tres, catro, -vólvenos contar, antes de dicir con cara de "os meus xefes vanme matar por isto, estouvos salvando a vida"- veña, pasade.

Pagamos e entramos, mentres fóra continúa a representación.

-Síntoo, se non estades na lista de convidados non podedes pasar.

just making conversation!

O antigo Ackerkeller era un local mítico. Como o seu nome indica, era un soto da Ackerstraße ao que se accedía por un patio escuro e enlamado. Dentro, moitas camisetas frouxas, jeans de tiro baixo, zapatillas rotas e cabeliños á fódase, mesturados con algún look punkarra e os sempiternos rapados. Era xenial.

Polo conto de sempre, supoño -obras de rehabilitación no edificio-, o local pechou. Os que o levaban seguiron facendo festas de prestado no 1º andar do ACUD para que o espírito non morrese, pero hai uns meses abriron un local novo na Bergstraße, moi pertiño do local vello.

Eu aínda non fora desde a reapertura. Entramos. Recoñezo un fulano da barra. Markus é un escritor de novelas gai que fai presentacións das súas novidades nas librarías do gremio de cando en vez. Presentáronmo hai 2000 anos porque -supostamente- era un ex moi recente de Philipp.

Decido achegarme.

-Ola, ti es Markus, non?

-Por suposto que é Markus -responde de inmediato o fulano de camiseta de tiras do outro lado, que se enrosca rapidamente arredor da súa conquista para marcar territorio mentres saca intermitentemente a lingua bífida para identificar mellor o meu cheiro. Aquí tiran a dar.

Markus non me recoñece, como era de esperar.

-Si, home, presentounos Philipp hai bastante tempo.

A súa cara muda axiña da curiosidade ao sorriso retranqueiro.

-Ahá, así que ti es un dos affaires de Philipp?

-Non -míntolle con vehemencia.

-Pois Philipp e mais eu separámonos hai cousa dun ano.

-Ah, non sabía -e tanto que non, eu pensaba que se separaran hai catro-. E el aínda vive na cidade?

-Vive, si. Ou sexa, eu penso que si. E logo...? Seica ti non o sabes...?

-Non, non...

Articulo unha escusa vaga para me despedir. O veleno comeza a invadir o aire e, á fin e ao cabo, eu só pretendía un pouco de small talk.

Quen me mandará socializar?

mexicanos

Vou no S-Bahn, sobre as 23:00h. do sábado. Para integrarse na noite berlinesa, un grupo de acaudalados trintaneiros mexicanos que vai ao meu lado vestiuse co estilo máis desenfadadamente sport que lle permite o seu fondo de armario: americanas negras, polos, pantalóns de pinzas e mocasíns de cor camel. Un deles nin sequera foi quen de desfacerse da gravata.

Descobren que por alí tamén andan outros mexicanos, estes estudantes na cidade. Conversan animadamente.

De súpeto, do outro cabo do vagón chega un axerido. Dous mozos alemáns, cumprindo un reto cos seus amigotes, avanzan a pequenos saltos, cos pantalóns e os calzóns baixados até os xeonllos e as colloadas nun sincopado badalar. Van avisando do seu avance con berros estilo chimpancé. A xente ábrelles camiño e rise ao seu paso. Os mexicanos maqueados estarrecen. Finalmente, os dous mozos voltan onda os seus amigos, que os reciben con vítores e aplausos.

Chegamos á estación de Friedrichstraße. Os dous bandos de mexicanos sepáranse. Mentres os outros van baixando, un dos estudantes despídese desde o seu asento do S-Bahn:

-¡Vayan por la sombra!

24.3.06

faba na ola

Hai un par de meses Davichini escribiume unha mensaxe. Quería facerlle un pouco tunning ao seu carro e decidiu pedirme axuda: hai unha tenda alemá online de pezas para coches que tiña exactamente os faros que quería, pero os traductores de internet non axudaban moito a entender os pormenores, así que acabei por pedirlla eu. A caixa chegou á casa pouco despois de que eu fose para Galiza, así que lla deixaron a unha veciña que ma gardou amabelmente todo este mes. Finalmente recuperada, mañá vai para Perillo, ese lugar.

De todos os xeitos, os inconvenientes que trae a bicoastalidade non me animan a parar n(unh)a casa. Polo que deixa ver o mapa, estamos en plena planificación da vindeira ghatada. A partida está prevista para martes. Quen é o espilido que recoñece primeiro esas fronteiras?

idas e vidas

A verdade é que foi chungo deixar isto en Galiza...

para atopar isto en Berlín.

Pero non teño queixa. En realidade, o primeiro que encontrei ao chegar á casa desde o aeroporto foi isto.

A porta deu só con auga e limpador normal, por certo. Ou sexa, todo marabilloso.

22.3.06

a concorrencia

Efectivamente, Miss White, estannos comparando. Pero o resultado é tan pobre que non o imos comentar.

Só unha cousa. O que si é completamente recomendábel é tomar un xelado un serán de xullo no Kauf Dich glücklich!, na Oderbergerstraße (Sres. de La Voz, que menos que dar un enderezo, ou?).

tonechos

Malia a súa tendencia a seren acubillo para as maledicencias máis vacuas, os foros de Vieiros teñen momentazos.

Por certo, eu tamén digo que coma en Irlanda.

21.3.06

a fama custa

Últimos días en Galiza e lista de encontros con determinados personaxes:

Luís Tosar comendo un bocata no Latino, Santiago, un par de días despois de velo en Noche H.

Boris Izaguirre e consorte paseando ao luar melifluo das Casas Reais, Santiago, días despois de saber que casara.

Luis Piedrahita no avión que nos leva de Alvedro a Barajas, horas despois dese sketch infernal con súa nai dicindo "Ola, son a nai de Lois Pedrafita: que mal fala o galego o meu fillo, vouno ter que mandar a pasar o verán á aldea".

frühling, so früh

Non só é primavera no Corte Inglés. Os galegos son unha xente caracterizada por maldicir seguido o seu clima -non lles quito a razón-, pero iso non lles permite decatarse de que por moito que chova, 15ºC son 15ºC e iso é primavera plena, aquí e en Pequín.

E non saben o duro que é saborear unha primavera tan temperá como a galega, que chega antes de que o marque a astronomía con mimosas, pexegueiros e camelias en flor, e volver á dura realidade da neve e as temperaturas xélidas que me deparou onte o retorno á cidade.

Sigo á espera do desxeo. Algún día ha chegar.

28.2.06

choqueiradas


Mamarrachas decrépitas: o retorno.

Con Loly.

24.2.06

Tal día coma hoxe nacín nun hospital da Cidade Xardín da Coruña. Hoxe fago trinta anos e chove. Metade do inferno vai fóra.

crebado

Este ano, en previsión de que hoxe nos caese o ceo enriba das cabezas, decicín adiantar a visita á praia. Onte estiven por alí e non é difícil adiviñar o que atopei.

E insisto: non son patacas.

21.2.06

azar

Desde o domingo á noite, unha estraña alternancia domina a miña vida. Para comezar, roubáronme a carteira. Tíñaa cando entrei no S-Bahn en Alex. Saín no Zoo e cando me vin diante da billeteira do Zoo Palast, para mercar as entradas do meu derradeiro filme da Berlinale 2006, encontreime sen ela. Balance: uns 15€, un DNI do Reino de España e mais dúas tarxetas de débito.

Luns á mañá -poucas horas despois, case ningunha delas de sono- subín nun avión que me depositou na T4S de Barajas. A verdade é que non estaba enteirado do caos, pero o certo é que nin atraso nin nada. Foi un tránsito áxil, xeitoso e bastante bonito. Todo parecía correr ben até que volvín saír doutro avión e pisei o chan de Alvedro. A miña maleta non viña, e non me sabían dicir onde estaba. Non puiden evitar pensar nos meus gallumbos sen lavar camiño de Sidney.

Esa mesma tarde vou á policía para arranxar o tema da documentación. Arroia, trabúcome de horarios e chego tarde. Pero para compensar, as cousas deixan de ser tan grisallas. Ao coller o coche para voltar á casa, un impulso irracional empúrrame no sentido contrario. No medio dun temporal fantástico de salseiros, zoladas de vento e trobaceiras de auga e pedrazo, paso por diante das illas de San Pedro e acabo no Portiño. Desde o coche vexo o pequeno areal inzado de puntos verde herba que brillan no lusco fusco. Non os podo identificar; baixo á area e entendo.

Algún mercante perdeu a carga co temporal e o mar está cheo de bolsiñas de Apple Chips. Na mellor tradición dos meus devanceiros, aproveito o naufraxio e probo o sabor das talladas de mazás secas que se fan en Shenzhou, Hebei, China.

Ao chegar á casa, o Telexornal confírmame que non vivín unha alucinación: toda a costa do Golfo Ártabro, e máis alá, está cheo de bolsiñas verdes. Hoxe, o xornal comete unha imprecisión incomprensíbel, porque, tal como di o reverso da bolsiña: fat-free, without any additives, preservatives and added sugar, our unique apple chips are 100% natural. Once the Fuji apples of highest quality have been hand-selected and sliced, they are dried rather than fried. No oil, no guilt.

19.2.06

cuscubilladas

Tras unha complicada semana de idas, vidas, encontros, reencontros, ocio e negocio, acabo pasando a noite do sábado en Berghain.

De súpeto, con grande sorpresa, recoñezo a Eduard Escoffet (nota para o gúguel, como di o outro), que anda á espreita por un dos escuros labirintos do club. Así que o vexo desfágome das miñas ocupacións tan rápido como podo e tento localizalo nas tebras para entrarlle, ou algo.

Como dixo un dos meus acompañantes desta noite, iso de ser un poeta débeo facer especialmente etéreo. Xa non o volvín atopar.

13.2.06

Sei que estou en Berlín cando:

1.- É inverno, na escuridade da noite, o chan está cuberto de xeo e grava, vou camiñando pola ponte de Warschauer Straße sobre as vías do S-Bahn e vexo as luces intermitentes da antena da Fernsehturm.

2.- É inverno, na escuridade do cinema, aparece a silueta dun oso amarelo e comeza a soar o jingle da Berlinale.

7.2.06

o encanto discreto dos neo-cons

Non pensei que me fose impactar e conmover tanto. Será que estou sensíbel. Só o epílogo, descontraente, enfraquece un pouco a intensidade do inferno, que en realidade xa vai amolecendo contra o final coas mortes facilonas das mulleres e a desaparición artúrico-donsebastiánica de Djerzinski.

De calquera maneira, a lectura provocou semellante danza visceral que me vin obrigado a papalo enteiro en dúas xeiras, por ver de abreviar a visita dos meus demos persoais. Onte, de 19:00 a 01:30.

Cando me ía deitar e apaguei a luz, polas persianas pechadas coouse un resplandor estraño. Fun mirar e entendín: sen eu me decatar, nevara toda a tarde e o mundo estaba outra vez en branco.

cousas da vida II

(...) a ausência de tormentos passionais deixava, de facto, o campo livre ao tédio, à sensação de vazio e à espera angustiada da velhice e a morte.

5.2.06

Whaa!

E hoxe á noite...

afrique mon amour

Antonte pola mañá, mentres almorzaba, estiven escoitando Radio France International porque caín alí ao zapear. Tocaba a emisión de África e, tras un parte de noticias, comezou un programa de actualidade sobre un tema que parece centrar a actualidade do Camerún nas últimas semanas. Determinados xornais de pequena tiraxe están publicando listas de presuntos homosexuais, coa intención, digamos, de desenmascarar as prácticas desviadas, contrarias á honra, a moral e as tradicións africanas (!!) de moitos políticos, artistas ou executivos empresariais.

Desque estes xornais comezaron coa treta, aumentaron tanto as tiraxes coma os seus prezos. Ante a demanda, incluso chegan a circular fotocopiados grazas a titulares amarelos como Homosexualité au sommet de l’Etat ou Voici les pédés de chez nous, bombásticos como Top 50 des homosexuels présumés du Cameroun ou o titular directamente extragaláctico de Déviance: la liste complète des homosexuels du Cameroun.

O grave do asunto é que isto non ten nada que ver co eterno debate sobre a lexitimidade do outing que ocupa aos movementos gais nos países do primeiro mundo. En primeiro lugar, evidentemente, porque os motivos deste outing camerunés son moi diferentes. En segundo, but not least at all, porque no Camerún a homosexualidade é un delito penado con períodos de cadea que van dos 6 meses aos 5 anos.

Seguindo coas coincidencias, esa tarde collín a Siegessäule de febreiro. E enteireime da historia de Junior. Este rapaz de 15 anos naceu no Camerún e veuse para Alemaña cando tiña 9 anos porque súa nai casou cun turista alemán. Agora a nai e o padrasto foron para o cárcere acusados de tráfico de drogas e as autoridades alemás decidiron que Junior e mais a súa irmá teñen que volver para o Camerún. Iso si, a noticia chegoulles xusto cando Junior estaba comezando a ir ás reunións do grupo de apoio para a saída do armario en Mann-O-Meter.

Polo visto, os seus parentes de Camerún xa están máis ou menos ao corrente do asunto. A súa reacción vén sendo así como "Homoqué? Que se deixe de caralladas e que pase pá casa".

Visto o visto, parece que vai chegar no mellor momento: a hora da comida.

uns cantos pés baixo terra

E coma sempre nas vésperas da Berlinale, xa chegou Going Underground, un festival de curtametraxes. O que ten de particular é que as proxeccións non son en cines, teatros nin nada polo estilo. As curtas vense no metro, nas teles dos vagóns, que normalmente cuspen noticias como que Angelina Jolie e Brad Pitt están de visita sorpresa na cidade e foron de compras ás galerías Lafayette.

Así que estes días, as olladas dos viaxeiros, que normalmente baten unhas contra outras mentres buscan un lugar máis ou menos neutro en que se colocar, diríxense unanimamemente aos ecráns. E, milagre, vense sorrisos no metro.

Curtas decentes, polo de agora: Notice (de Roelof van der Bergh), 100 Sekunden Tokio (de Jan Veerbeek), In-Out (de Ian Etra).

E especialmente dedicada aos problemas coa electricidade estática de Facéndome o sueco: Cici (de Jan Bohuslav). Coidado cos gatos, que os carga o demo.

elementos

Estamos nas vésperas da Berlinale. Parece que a estrela deste ano quere ser a adaptación cinematográfica d'As partículas elementais, de Houellebecq. Nunha das moitas coincidencias que circundan a miña vida a cotío, estes días ando lendo o libro na tradución portuguesa que me regalou m)alicia meses despois de que me roubasen o exemplar que acababa de mercar, eu mesmo, na FNAC do Porto.

Co que non contaba m)alicia, nin eu até que me puxen coa lectura, foi con que o libro tivese certas deficiencias de impresión. En concreto as páxinas 65, 68, 69, 72, 73, 76, 77, 80, 81, 84, 85, 88, 89, 92, 93 e 96 están completamente en branco, coa consecuente falta de texto. E a cabalo regalado non lle mires o dentado, xa sei, pero ao final vaime ser mellor ir ver o filme.

E esperar que non se vaia a luz na proxección.

31.1.06

manías

Kaplan fíxome un encarguiño e, aínda que me custou un chisco, xa teño o choio feito. Vexamos, cinco manías?

1.- Non teño especial problema coas arañas, pero dáme moitísima grima que unha arañeira me toque a pel da cara ou do pescozo.

2.- Non me gusta a combinación de froita e chocolate. Calquera das dúas cousas por separado parécenme deliciosas, pero a súa combinación non.

3.- Desacóugame o luar que entra pola xanela dun cuarto ás escuras. Prefiro prender a luz ou correr as cortinas. En campo aberto, pola contra, tanto me ten.

4.- Cando me vou duchar sempre me descalzo de cóstas á bañeira e despois xiro sobre min mesmo, pisando as zapatillas, para entrar.

5.- Teño bastantes problemas con que me mordan os vacíos. O resto, con liberdade.

E aínda unha sexta:
Non aturo a Joaquín Sabina. Podo recoñecer na súa música toda a calidade que queiran, pero iso non impide que me resulte insoportábel. E nisto vou a peor; moito máis desde que teño que aguantar en Berlín a centos de españois que tratan de convencer a todo quisque de que Sabina é o centro do universo.

E pásolles o encargo a varios imposíbeis: Avioneta Malabarista, De Vigo a Ordes, Desde os Antípodas, Pelos e Cousas e Complexos Vitamínicos.

cousas da vida

Que as había partidarias de seguir a tradición familiar e chamala Carme, esta vez Carmuchiña, ou Carmela para evitar as confusións

(...)

nin moito menos asomarse á casiña das de Pereiro, como as chamaban os veciños todos.

(...)

Do que atopou Einés cando visitou a arca do faiado
Libreta de labores de dona Carme de Pereiro

23.1.06

desenvolvemento sustentábel


A miña xanela de Berlín, hoxe ás 08:30 da mañá.

Onte pola tarde estiven cociñando algo para ter durante a semana, pero paseime coas cantidades, tanto do polo con espinafres en leite de coco como da lasaña de apio. Porén, está claro que o tamaño minúsculo do meu conxelador de xoguete non é ningún problema para a correcta conservación dos alimentos. Ao balcón con eles.

Plattdorf no lago

Onte, como non había vento e tivemos un día de sol ben bonito, fun dar unha volta para gozar dos -12ºC do mediodía. A sabedoría popular berlinesa di que a superficie dos lagos é resistente abondo para andar por ela despois de dúas noites de -10ºC. De todos os xeitos, un sabe con toda certeza se xa se pode camiñar por eles cando ve que hai outra xente facéndoo. Así que onte, despois de ver varios patinadores, decidín baixar.

Et voilá.

22.1.06

siberia

Mentres escribo isto, o termómetro da xanela marca -18ºC e esta noite espéranse temperaturas inferiores aos -21ºC. Hoxe tivemos un día soleado, precioso, cunha máxima de -12ºC. Nada comparado a Moscova ou Varsovia, claro, pero xa non está mal.

Antonte, pola contra, aconteceu algo curioso. Despois de varios días de nevadas e temperaturas negativas, a temperatura superou os 0ºC e choveu toda a noite. Como consecuencia, onte pola mañá desaparecera boa parte da neve, e a que quedaba tiña a consistencia do granizado de limón. Pero a mediodía xa avisaron pola radio:

-Atención, a partir das 18:00 espérase a chegada de ventos do leste.

E aquí todo o mundo sabe o que significa iso. Siberia, vamos. Efectivamente, sobre as oito da tarde o granizado xa se convertera en pedra de cantería e a auga líquida detivérase xusto onde a collera o nordés.

carambelo

Esta marabilla de carambelo caeu da cornixa ao meu balcón antonte.

Para os fetichistas: 28 cm.

21.1.06

radio

Chámame Prisciliana desde Marxdorf.

-Pódeste conectar a Internet agora mesmo? Están falando de nós na radio.

E si, efectivamente, estamos.

19.1.06

Päckchensticker

Chove no stickerMoi cool o dos self-made stickers que hai pola rúa. Debuxas algo nun papel autocolante, recortas -ou non- e valo poñendo por aí. En Galiza non se ven moitísimos, ou polo menos non son tan visíbeis coma aqueles stencils de gatos que deixaba Pánchez polas bombonas de Santiago, pero xa teño localizado algún en sitios ben curiosos e ten habido iniciativas que se achegan á idea.

En Berlín son especialmente abundantes nos distritos do leste. A particularidade local é que moitos están feitos cunhas etiquetas adhesivas que hai nas oficinas de correos, que serven para indicar os datos de envío dun paquete postal. Como son gratis, están á libre disposición do público e teñen un tamaño bastante xeitoso, moita xente aprovéitaos para facer os seus stickers. Unha noite de farra do verán pasado vin un taco de etiquetas postais no peitoril da fiestra dunha galería de arte, postas alí para que as fosen levando sen ter que pasar por Correos. Os da Deutsche Post deben sacar lume con este dispendio.

E a cousa espállase fóra de Alemaña. A comezos de decembro, saíndo da Tate Modern, isto foi o que atopei pegado a un poste.

Actualiz.: claro, e agora vexo que só con fedellar un pouco no Flickr aparece unha colección de fotos de Päckchenstickers, algúns realmente moi bos. E miren como os fai este.

18.1.06

estado da cuestión

Xa que me preguntan, direilles que o da neve vai máis ou menos así.
Neve 190106 024

Rosa Luxemburg

Friedhof Friedrichsfelde 016Este domingo, 15 de xaneiro, foi o 87º aniversario da morte de Rosa Luxemburgo. Cando sacaran o seu corpo do Landwehrkanal, catro meses despois de que a tiraran alí os seus asasinos, foi enterrada no cemiterio berlinés de Friedrichsfelde, onde xa estaba Karl Liebknecht.

En 1926, o Partido Comunista encargoulle a un pouco coñecido Mies van der Rohe que fixese o proxecto para un monumento da revolución, que servise para honrar a memoria dos mortos na Revolución de Novembro de 1918. Pero este monumento foi destruído polos nazis en 1935.

Poucos anos despois, Friedrichsfelde foi uns dos distritos da cidade que quedaron baixo protectorado soviético, e por tanto na nova República Democrática Alemá. O cemiterio converteuse nun lugar de peregrinación todos os meses de xaneiro e fíxose un monumento conmemorativo dos socialistas, onde se agruparon as tumbas de numerosas personaxes de diferentes épocas, desde os propios Liebknecht e Luxemburgo até dirixentes da RDA. Ademais, tamén se ergueu un pequeno monumento alí onde estivera a antiga construción de Mies van der Rohe.

Na actualidade, Friedrichsfelde é un lugar do leste profundo da cidade, moi parecido aos arrabaldos de Varsovia ou Budapest. Ten grandes avenidas desanxeladas, bloques de edificios estartelados e, xunto co veciño Marzahn, sona de ser acubillo de grupúsculos neonazis, aínda que en realidade nunca se saiba nada da súa existencia. Tamén é coñecido por ter un palacio barroco en cuxos xardíns se instalou o zoolóxico de Berlín Leste.

Todos os anos, en xaneiro, segue manténdose unha manifestación de milleiros de persoas que deixan unha flor vermella sobre as tumbas de Rosa e os outros. Pero o empaque de antes desapareceu. Agora son maioría as parellas de ossis de máis de sesenta anos con gorros de orelleiras, e os poucos fotógrafos que acoden dedícanse a perseguir a imaxe de antigos dirixentes da RDA, responsábeis da Stassi que acaban de saír do cárcere e xente polo estilo.

Este domingo, cheo de curiosidade, desafiei a preguiza dos -10ºC e achegueime até alí sobre as catro, xusto antes do solpor. Os manifestantes xa liscaran todos a tomar algo quente.

campaña electoral

Aquí tamén, e logo?

17.1.06

masculino ou neutro?

Tamén concordo con Cesare niso de que somos un país normal.

Der Blog? Das Blog? Como se di?

dedicado

Acaba de comezar a nevar outra vez. E desta parece que imos ter neve larga.

lo que pasa...

...es que nos tienen envidia.

Gran Crónica do Paquismo. Non a perdan.

16.1.06

13.1.06

what's wrong with a little destruction?

ou do inocuo de ghastar unha pouca violensia

Non, non, vexamos:

Debido a algúns comentarios chegados por correo electrónico véxome na obriga de facer unhas aclaracións. A estas alturas xa regalei por dúas veces discos de Franz Ferdinand, teño o último no reprodutor de MP3 e escóitoos case todos os días no metro porque, efectivamente, soar soan bárbaro.

Iso non quita que me parezan un pouco petardos. Pero é que non ten que ver.

So they say you're trouble, boy
Just because you like to destroy
All the things that bring the idiots joy
Well, what's wrong with a little destruction?


Sempre, dispensando as súas caras.

11.1.06

requisando

Como ben sinala Dot, onte foi Id al Adha, o día da mata do año na tradición musulmá.

Precisamente estes días vén moita xente de Bosnia e Turquía para pasar a festa coa familia en Berlín. Naturalmente, veñan en coche, bus ou avión, veñen cargados de comida: anacos de año, de cabrito, enchidos de ave tipo mergueze e todo iso.

O problema é que este ano foilles coincidir a festa coas malas noticias en Turquía, así que co medo á gripe dos pitos os controladores da fronteira están cos pelos de punta. Houbo controis especiais e nas alfándegas requisáronselles enormes cantidades de comida aos pobres viaxeiros, que viñan todos contentos para a roxoada (fáganse as adaptacións pertinentes).

lavandaría

Lavandaría 100106 01
O tema da lavadora non ten moita traza de arranxarse en breve e véxome obrigado a ir a unha lavandaría por primeira vez na vida. Non está lonxe da casa: meto todo na mochila de cámping e vou alá. Ademais levo libro, termo e iogur, porque non sei o que vai durar o choio.

Poño a funcionar a lavadora. Sento a carón dunha nena que debuxa con ceras mentres súa nai vai encartando a roupa enxoita. No outro cabo da mesa, un rapado escribe compulsivamente no caderno. Acabo o iogur e tíroo no caldeiro do lixo, que está cheo de bandexas de aluminio, cartóns de pizza e papeis de Döner. Todo transcurre nun silencio difuminado por centrifugación de tambores e chasquidos de temporizador.

Sírvome unha infusión do termo, abro o libro. Sen saber ben por que, síntome unha personaxe de Lost in Translation.

Fóra a i-alma.

patinadores no lago de Charlottenburg

Patinadores no lago de Charlottenburg
Catro e media da tarde. Lago dos xardíns do Schloss Charlottenburg.

noite de Reis


Xa que os alemáns destragan desa maneira as árbores de Nadal, na casa de Mjoão decidiron aproveitar unha das primeiras que apareceron tiradas na rúa e usala até o día de Reis.

Esa noite deitámonos tarde, repartidos polos cuartos, e á mañá seguinte -exactamente ás 06:30, porque había que ir traballar- espertamos, tiramos as legañas dos ollos e descubrimos que os Reis fixeran o seu traballo e deixaran cousiñas para todos, alén de prepararnos un enorme almorzo colectivo na cociña vermella (a cociña azul estaba chea de botellas de cervexa da noite anterior).

A min tocoume unha bolsiña de lambonadas con bastante regalicia negra. Parece que non avancei moito desde o carbón de azucre da infancia.

10.1.06

tipoloxías II

Os que ían ás arrasadeiras eran ledos, destemidos, pelexaban por calquer cousa e ríanse de todo. A min non me semellaban ruíns, pero eran así e eu tíñalles envexa.

9.1.06

O Tannenbaum

Non me acabo de explicar como é posíbel que nun país coma este, que por mor da súa conciencia ecolóxica mantén o alumeado público na súa expresión mínima (por non dicir ridícula) e obriga os cidadáns a unha estritísima separación do lixo, todos os anos no mes de xaneiro se acabe producindo este espectáculo.

Ducias, centos, miles de árbores de Nadal cortadas, usadas e deitadas na rúa durante días e días á espera de que pasen os servizos de recollida.

Aquí os indíxenas alegan que estas árbores xa son criadas para isto, así que non se está afectando o equilibrio do ecosistema.

Do que non parecen entender é da dor de corazón.

Lástima de abetos, que diría o outro.

friaxe

A xelidez é total. Entre o día de Nadal e o de Ano Novo caeron en Berlín unhas nevaradas tremendas que eu non vivín por estar en coordenadas moito máis sudoccidentais. Desde entón non caeu ningunha folerpa máis, pero con temperaturas coma as que estamos tendo, de -10ºC de mínima e -3ºC de máxima, a neve non se derrete.

Iso si, hai unha grande diferenza entre o centro da cidade e o bairro residencial en que me toca traballar. Mentres no centro as cuadrillas de limpeza xa foron reducindo a neve a pequenas moreas grisallas, nos arredores a paisaxe mantense nevada e as zonas de paso teñen unha perigosa capa de varios centímetros de xeo, produto da neve tripada por milleiros de pés. Así que camiñamos e fumegamos, coma locomotoras de vapor, sobre unha superficie irregular de cristal pulido. De cando en vez alguén esvara, consegue manter o equilibrio e todos os presentes intercambian olladas de solidariedade circunstancial.

A aventura diaria de ir ao traballo.


Foto especialmente dedicada a Lseijo, que xa sei o que lle gustan estas cousas da neve.

despedida da Diva

Pizzas feitas integramente por un arxentino bisneto de galegos, pastel de cabaza e follado feito por unha portuguesa, lombo curado de Montánchez levado por un galego e mousse de chocolate feita por unha santomense. Unha performance desastrosa, uns DJ's bébados comendo bananas e bailar toda a noite. Deitarse coa amañecida e erguerse con noite.

7.1.06

linguaxe corporal

Aínda alucinado pola enorme fermosura do sefardí serbo-kosovar que se axenciou Petrus, por sorpresa éntrame un turco xordo e gafapasta de 27 anos. Paso traballos espesos para comprender o seu alemán mal articulado, así que ao final, despois de que me mostre o seu audífono e quede bastante claro que naquel medio non ten moita utilidade, dedícase a explicarme o significado de múltiples xestos turcos de contido inequivocamente sexual e completamente diferentes aos que nós coñecemos. Rimos e rimos e rimos. Non podo crer que semellante variedade de contidos poidan ser expresados así de maneira habitual, así que acabo preguntándolle se en realidade se trata de palabróns nunha lingua de xestos turca.

Nooon, dime. Isto faino todo o mundo. E coidado, ponse serio; se algunha vez vas ti só a Istambul non se che ocorra facer estas cousas pola rúa, porque che pode pasar algo. Só se vas comigo: eu controlo e sei cando se poden facer.

Un mestre, vamos.

alt werden


Onte á noite despediamos a Éuscaro e Ludovico, así que fomos ao SchwuZ por ver que se cocía por alí. A festa de onte era London Calling e os espazos delimitábanse claramente: na pista pop todos os nenos con raias horizontais, camisetas frouxas e cabelinho à foda-se (con permiso das rastas de Kele Okereke) dedicáronse a lembrarme que xa non pertenzo a esa franxa de poboación denominada xuventude. Un par de mando diaos, franz ferdinands e the strokes despois, eu xa liscara e xa me mergullara nun electro algo menos pedante.

Dispensando as súas caras.

hang


O hang é un instrumento musical bastante recente, con aspecto de wok e orixe suíza. A noite do mércores combinamos no San Remo, un bar á beira da Oberbaumbrücke, porque un rapaz italiano que coñecemos hai uns meses quería tocar alí un pouco acompañado ao saxo por un colega seu.

Xa eramos practicamente os últimos que quedabamos alí, sobre a unha da mañá, cando lle pedimos ao barman que parase a música para escoitar a tal marabilla de Berna. Co ambiente místico que se creou, a Diva non puido evitar a performance.

E, en habendo performance, Benjamim non puido evitar participar.



Teño un móbil que non o merezo.

troupe

A Diva é unha rapariga africana que leva anos vivindo na metrópole, a estudar para vivir da súa actitude. Chámanos babies, dános beixos, leva turbantes e consegue ser o centro da atención quer queira quer non. Unha desas mulleres con tanta pluma que consegue ser moito máis gai ca todos nós xuntos.

Pero non veu soa. Estes días formou parte dunha troupe que percorreu Berlín armando escándalo, tirando diñeiro de cantar no metro, bailando e bebendo: Benjamim e Plãota xa saíron nestas Crónicas nalgunha ocasión, pero desta vez tamén viñeron Éuscaro e Ludovico. Éuscaro, que fala polo b pero xa moraba na metrópole cando nos recibiu a Elfnoldo e a min para saírmos unha noite con Benjamim, ten aire de gai de filme americano, médico e actor, serio e divertido, charmant e, a pesar de todo, cuscubilleiro sen parecelo. Ludovico, o seu mozo, malia ser o único actor profesional, é capaz de manter o seu ego perfectamente á raia até mesmo ser o menos visíbel. Até mesmo conseguir ser o máis atractivo.

6.1.06

diva

Benjamim pasa o Nadal en Berlín e, comme d'habitude, enche a cidade de personaxes, algunhas coñecidas, outras non. A máis impactante, a Diva.

3.1.06

tipoloxías I

Namorou desa forma salvaxe e arrebatada que senten os que teñen feito moito e sentido pouco.

perspectiva


Atrás, os Alpes. Diante, Marsella.

avión

Arredores de Marsella, Toulon ou algún outro sitio da costa do Mediterráneo francés (Air Berlin, TXL-SCQ, 16 de decembro de 2005).
Act.: Google Earth confírmamo, é Marsella.

Voo de volta a Berlín (Air Berlín, Santiago-Mallorca-Berlín, 2 de xaneiro) porque só me podo escaquear un día e desde o mesmo luns xa se traballa con normalidade überall. Boto contas e penso que nos últimos meses collín bastantes máis veces o avión do que cortei as uñas dos pés.

É mazo de diferente o tipo de público que voa a Alvedro, predominantemente executivos en viaxe de traballo, e o que encontro en Lavacolla, emigrantes e turistas do Imserso. Tampouco é o mesmo aturar as asistentes de voo de Iberia (SEÑOR, NO PONGA ESO AHÍ!!) (drop your attitude!) ca cuadrarse diante da amabilidade ríxida das alemás de Air Berlin (GuteFahrtnachHausetschüssundaufwiedersehen!!).

Xa coñezo de vista algúns dos asistentes de voo de Easyjet e adoro reparar na bandeiriña que levan na lapela, a carón do seu nome. Se son británicos (nacionalidade por defecto, suponse), non hai bandeiriña ningunha, pero aínda lembro a bandeira sudafricana dun loiro enclenque (Easyjet, Londres-Madrid, 5 de decembro) e o acento rarísimo dun sobrecargo mulato francés que se encargaba persoalmente, sen recorrer ás gravacións, de darnos as indicacións en inglés, alemán e castelán (Easyjet, Madrid-Berlín, 12 de decembro).

As coincidencias son moitas. Pasaxeiros anónimos que van e veñen os mesmos días ca ti, coñecidos que atopas nos aeroportos... Un deses días (Spanair, Coruña-Madrid, 12 de decembro), esperando pola maleta en Barajas, reparei nunha rapariga. Cruzamos as olladas e a cousa non foi a máis, pero quedeime con ela. Ao día seguinte, casualmente, souben quen era.

Wally

Non foi intencionado, pero o caso foi que revisando as fotos dos últimos días decateime de que Cesare sae nesta foto. Premio para quen o identifique.



Por suposto, o interfecto está excluído.

gorilas

Pero que néboa? Os do fondo sur non puideron ver o primeiro gol porque había un momento que botaran un fato de bengalas xuntas e o fume fíxoos desaparecer por completo. Até ameazou con cubrir tamén a meta uruguaia.

E por certo, aviso a navegantes. Eu teño un limitado, pero certo, pasado en Riazor, tanto na fase de levarme meu pai como na fase adolescente superdépor (¡Hola, Especial Niños!-¡Hola, General!). Era a época en que Bebeto vivía nunha urbanización da miña parroquia.

E xa non conto as numerosas veces que papei o Teresa Herrera íntegro en primeira liña, nas pistas de atletismo do vello Riazor. É o que ten que che encarguen amenizar os descansos con bailes regionales.

inverno


O feito de estar na zona de transición entre a rexión mediterránea e a eurosiberiana, xunto coa fácil adaptación de especies alóctonas, fai que a flora en Galiza presente curiosos exemplos de convivencia.

As laranxas aínda non maduraron por completo por culpa da sombra dos novos edificios. E iso de que o acivro dá as bólas polo Nadal debe ser un mito nórdico ou de alta montaña. Na casa xa case caeron todas.

Feliz Ano Novo.

13.12.05

Barcelona gústame máis ca Madrí

En todo atopo lembranzas dela, até nos detalles máis inesperados. Unhas galletas no supermercado, as laranxas da casa, o ceo azul e o sol entrando por unha xanela.

Agora mesmo escribo isto no avión de volta a Berlín e tamén me lembro dela. Dos relatos das súas viaxes, que me foron dando pistas sobre un mundo que eu aínda non vira. Das viaxes máis domésticas en que a acompañei.

Nápoles, máis suxo ca Roma; en Venecia perdérase o Lugués e a súa muller houbo tolear mentres non aparecía. No metro de Nova York, camiño de Coney Island, Carme, imos por baixo do mar!. Un negro de ollos grandes no carnaval do Rio de Janeiro, os vellos coñecidos en Buenos Aires, o lucerío nocturno dos ranchitos ao entrar no val de Caracas. En Ibiza, non se me quería bañar máis que na piscina, camelos nas Canarias, o cura en Tanger. Onde estará esa Sevilla. Unha bolsa de mazás doces á beira do Arenteiro, onzas de chocolate La Carballinesa, tona con azucre, culleradiñas de café negro.

A min tamén.

humanidade

A chamada soou no meu móbil nun momento en que estaba só na saída dunha estación de metro da zona 2 de Londres. Estaba tendo conta da miña equipaxe e mais da de The Sobrado, que ía nun recado antes de coller o tren de volta a Liverpool.

As bágoas xa acompañaran as últimas palabras do telefonema, pero deixar o móbil trouxo o choro aberto, os saloucos, as mans agachando a cara. Polas cóstas sentín unha voz:

-Please, don't cry. Oh, please, don't cry.

Cunha mestura de sorpresa e desconfianza, reparei na rapariga de ollos acuosos -compasivos no sentido máis recto da palabra- que me estendía unha man.

-Don't cry. Everything will be all right, you'll see.

Case non puiden articular un thanks. Despediuse.

-Have a nice day.

-Thank you very much, puiden reaccionar finalmente, colléndolle a súa man entre as miñas.

En poucos minutos chegou The Sobrado para me salvar nun abrazo inmenso. E funme de Londres cos ollos dela e os brazos del.

fin da infancia

Luns, 5 de decembro.

Pouco antes de voltar para Berlín e despois dunha fin de semana de felicidade en Londres, ás once da mañá recibo unha chamada urxente da miña casa.

Ás once da noite, uns segundos antes de aterrar en Alvedro, logro identificar desde o avión a casa en que naceu, a casa en que viviu e o hospital en que, poucas horas despois, acompañarei na morte a miña avoa.